• Imaxes centro

A información e o apoio ás familias cunha persoa con dano cerebral adquirido son fundamentais ao ter que afrontar unha nova realidade que chega de forma brusca e inesperada.

En Sarela proporcionamos toda a información necesaria sobre o DCA así como das ferramentas e recursos necesarios que lles permitan afrontar a súa nova situación e contribuír á mellora da calidade de vida. A asociación  tamén é unha rede social de apoio.

ATENCIÓN INDIVIDUALIZADA


A nivel individual o equipo de profesionais de cada servizo (formado por psicólogas/neuropsicólogas, terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas, traballadoras sociais, educadoras sociais, logopedas e auxiliares) orientan ás persoas con DCA e ás familias en todas as súas dúbidas e necesidades específicas así como sobre recursos e prestacións sociais.

ACTIVIDADES EN GRUPO


 

Charlas


Desde o punto de vista da intervención en grupo organízanse diferentes actividades ás que asisten familiares nas que se ofrece información e orientación sobre temas relacionados co DCA (aspectos xerais, coidado físico, manexo de situacións difíciles etc). Estas actividades en grupo serven tamén para compartir experiencias, dúbidas, emocións etc.

     
 

Creación dunha rede social de apoio ás familias


Para as familias das persoas con DCA contar cunha rede de apoio é moi importante sobre todo para as persoas que son coidadoras principais. En Sarela as persoas socias organizaron grupos para facer xuntas actividades saudábeis como camiñadas, realizar algunha outra actividade de lecer e cultural, asistir a cursos de informática impartidas por algunha delas etc. O máis importante é que estas actividades exclusivas para familiar son elixidas por elas en función dos seus intereses e que buscan unicamente o desfrute.

Outra das accións que realizan estas persoas é un sistema de intercambio de axuda para facilitar o día a día a outras familias. Deste xeito entre elas axúdanse á hora de facer trámites administrativos, acompañar en tempos á persoa con DCA etc.

     
 

Participación na vida social


No caso das persoas que son coidadoras dun familiar, as relacións sociais convértense nunha necesidade xa que o benestar propio repercute no mellor coidado da persoa con DCA. É por iso que buscamos actividades que se desenvolven nos distintos recursos comunitarios (como por exemplo nos centros socioculturais, centros deportivos etc) e promovemos a súa participación.

     

PUNTO DE INFORMACIÓN NO HOSPITAL CLÍNICO DE SANTIAGO


Sarela dispón no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) dun punto de información cedido pola xerencia do mesmo ao que poden ir as familias con algunha persoa hospitalizada.

Localizado no que se coñece como Espazo asociativo do paciente, alí recibirán información sobre o DCA, dos recursos existentes así como das posibles adaptacións a realizar no domicilio, que complementan a información dada no hospital.

O horario de atención é os mércores de 15:30 a 17:30 h.

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.