• Imaxes centro

Este servizo reúne as especialidades (fisioterapia, logopedia, psicoloxía/neuropsicoloxía, terapia ocupacional e traballo social así como a actividade  acuática) que participan no proceso de rehabilitación dunha persoa con dano cerebral que está en fase subaguda.

Nesta fase, unha vez recibida a alta hospitalaria, a persoa comeza a rehabilitación específica segundo as súas necesidades. No Servizo de Atención Especializada (SAE) aténdese tanto adultos (sen límite de idade) coma nenos/as. O noso horario é de 9:30 a 17:30 horas.

Especialidades como Psicoloxía/Neuropsicoloxía, Terapia Ocupacional, Logopedia, Fisioterapia e Traballo Social forman parte da rehabilitación en DCA.


TRATAMENTO INDIVIDUALIZADO, INTENSIVO E INTEGRAL


O SAE está composto por un equipo de profesionais de fisioterapia, logopedia, psicoloxía/neuropsicoloxía, terapia ocupacional e traballo social. Este equipo valora a cada persoa e á familia e establece un plan de tratamento individual, integral e intensivo no que participarán as disciplinas que sexan precisas.

Para cada persoa establécense obxectivos funcionais, actividades para desenvolvelos e unha avaliación continuada da consecución dos mesmos. O plan individual é revisado trimestralmente e axustado segundo a evolución da persoa ata o momento da súa alta no servizo.

LEVAR A REHABILITACIÓN Á VIDA DIARIA


Un dos problemas comúns nos procesos de rehabilitación é que moitas veces a persoa non traslada ao seu día a día (vida doméstica, entorno social, tempo de lecer etc) a melloría que demostra nas sesións de tratamento.

Para acadalo, en caso de ser necesario, parte da rehabilitación faise no entorno no que a persoa desenvolve a súa vida (fogar, parque de xogos no caso dos nenos/as etc). Desa forma búscase incorporar as melloras adquiridas nos tratamentos no centro á actividade que fai na súa vida. Tamén serve para valorar que aspectos da rehabilitación traballar para asegurar este obxectivo.

O obxectivo final da rehabilitación sempre será fomentar a maior autonomía posible da persoa e potenciar a integración na comunidade.


Neste sentido, a familia é parte fundamental neste proceso e conxuntamente co equipo profesional e a persoa con dano cerebral colaboran na consecución duns obxectivos de rehabilitación comúns. Para iso ás familias da persoa con DCA ofrecémoslle en todo momento, entre outras facilidades:

  • Apoio e atención psicolóxica.
  • Asesoramento sobre as axudas técnicas que facilitarán a vida diaria ou a adaptación do fogar.
  • Coordinación da atención con outros servizos externos a Sarela aos que acudan.
  • Atención e asesoramento desde traballo social.

PREPARACIÓN Á ALTA


Cando a alta no servizo está próxima hai un proceso de preparación á mesma que se realiza coa  suficiente antelación.

Nesta fase traballamos en función das necesidades e expectativas de cada persoa:

  • Coordinando, cando se precise, a derivación a outros servizos de Sarela ou externos á entidade.
  • Planificando actividades que poida desenvolver no seu entorno comunitario
  • Acompañando á persoa no proceso de retomar o súa actividade profesional ou académica.
  • Apoiando á familia neste proceso.

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.