A prevención do dano cerebral no Día Mundial da Saúde

07/04/2015

A Organización Mundial da Saúde (OMS) conmemora a efeméride cada 7 de abril.

Desde 1950, e co obxectivo de lembrar a fundación da Organización Mundial da Saúde (OMS), cada 7 de abril conmemórase o Día Mundial da Saúde. Neste 2015 a data está dedicada á 'Inocuidade dos alimentos', co obxectivo de sensibilizar aos gobernos dos perigos das doenzas transmitidas por falta de seguridade na cadea dos comestibles.
 
Consumir produtos insalubres está relacionado coa morte duns dous millóns de persoas ao ano, segundo a OMS, que sinala que "os alimentos que conteñen bacterias, virus, parásitos ou substancias químicas nocivas causan máis de 200 doenzas, que van desde a diarrea ata o cancro".
 
A OMS propón aos países implantar o Codex Alimentarius, unha compilación de normas e códigos que abarcan a totalidade de alimentos e procesos. Ademais, a axencia das Nacións Unidas para a saúde recomenda, a nivel doméstico e para os vendedores, "Cinco claves para a inocuidade dos alimentos":
 
  • Clave 1: Manteña a limpeza
  • Clave 2: Separe alimentos crus e cociñados
  • Clave 3: Cociñe os alimentos completamente
  • Clave 4: Manteña os alimentos a temperaturas seguras
  • Clave 5: Use auga e materias primas inocuas
 
Saúde e dano cerebral adquirido
 
O coidado da saúde ten un papel básico na prevención do dano cerebral. A principal causa desta discapacidade é o ictus, no 78% dos casos, e este conta cuns factores de risco nos que se pode incidir a través duns hábitos de vida saudábeis. 
 
  1. Colesterol. O colesterol favorece a creación de obstruccións nas arterias. Evitar as graxas na alimentación diaria e seguir as recomendacións médicas son as mellores maneiras de manter un nivel axeitado.
  2. Presión arterial. Cómpre seguir as recomendacións médicas e realizar os controis pautados para reducir a presión no caso de que sexa preciso.
  3. Diabetes. A glucosa no sangue tamén incide no risco cerebrovascular. Mantela controlada seguindo as recomendacións médicas é moi importante para evitar o risco de ictus.
  4. Sedentarismo. A saúde mellora practicando algo de exercicio de maneira regular. Coa súa práctica minimízanse os demais factores de risco do ictus.
  5. Obesidade. Unha dieta equilibrada, con abundantes froitas e verduras e poucas graxas, axuda a coidar o cerebro grazas ás substancias antioxidantes que posúen os vexetais. Tamén contribúe a minimizar os demais factores de risco do ictus.
  6. Tabaquismo. O tabaco afecta á circulación, ademais de ser un hábito absolutamente nocivo para calquera aspecto da saúde. Ao abandonalo mellórase en benestar, capacidade respiratoria e mesmo no gusto e olfacto.
  7. Consumo de alcol. Hai que minimizalo polos seus efectos nocivos, aínda que unha copa de viño pode ser positiva polas súas propiedades antioxidantes.
  8. Consumo de drogas. Todas as drogas ilegais incrementan o risco de accidentes cerebrovasculares; cómpre abandonar completamente o seu consumo.
  9. Estrés. O estrés afecta moi negativamente ao cerebro, pois está relacionado coa presión arterial, o humor, o sistema inmunitario... Aprender algunhas técnicas de relaxación e sermos quen de valorar as cousas boas da vida axudará a reducir esta carga.
  10. Coñecer os síntomas de alarma. Se, a pesar de poñer en práctica estas recomendacións, o ictus se presentara, é moi importante recoñecelo e actuar canto antes. Unha dor de cabeza aguda e repentina, a parálise dun lado do corpo ou dificultades para falar e/ou comprender o discurso oral son os principais avisos do ictus.
 

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información