• slide interiores

Noticias

Asemblea xeral de FEDACE e novo plan estratéxico do DCA

Asemblea xeral de FEDACE e novo plan estratéxico do DCA

Esta fin de semana celebrouse en Madrid a Asemblea Xeral da Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE). No encontro aprobouse, entre outros asuntos, por unanimidade o Plan estratéxico 2017-2021, documento que marcará o traballo a desenvolver neste periodo.

 

Unha das decisións máis importantes tomadas polo máximo órgano de decisión de FEDACE, e no que participaron as 37 entidades que a conforman, foi a aprobación deste plan que busca a cohesión do movemento asociativo. É un plan para o conxunto de entidades de familiares e persoas con DCA no que, a través de diferentes niveis de responsabilidade, se unen esforzos para lograr obxectivos comúns ao total do colectivo.

Como dixo o día anterior durante a súa presentación Luciano Fernández, presidente de FEDACE, “as persoas con DCA necesitan que formulemos obxectivos que impulsen os seus dereitos e o seu sentido de cidadanía". Esta visión de dereitos incorporouse á misión do Movemento Asociativo nun plan que ten como principais obxectivos avanzar no recoñecemento do DCA como discapacidade específica, na extensión, calidade e diversidade dos recursos sanitarios e sociais; e no fortalecemento e a cohesión das organizacións do Movemento Asociativo DCA.
 

Máis acordos
 

A reunión contou cun completo programa que incluíu importantes novidades, como a designación dunha nova xerente, Mar Barbero, e a aprobación da entrada dunha nova asociación na Federación. Reservouse un oco para a despedida de Valeriano García, o xerente anterior, e para saudar a AFADACS (Asociación de Familias Afectadas de Daño Cerebral Sobrevenido de Torrejón de Ardoz).

Acordouse tamén abrir novos grupos de traballo e de seguimento, como o de comunicación, e establecer contacto coa Fundación Barrié para colaborar cunha consultoría externa sobre ese mesmo campo.

A maiores, aprobáronse a memoria e as contas de 2016, así como o plan de actuación e orzamento de 2017, e axustáronse os novos estatutos por requirimento do Rexistro de Asociacións.

 

Nova elaborada a partir de información das webs de FEDACE e FEGADACE.

 

 

 

 

Categorías: FEDACE
Tags: FEDACE

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.