Balance dos proxectos de transformación dixital “Facilyta el movimiento” e “Les Facilyta”

01/12/2017

Sarela foi unha das entidades encargadas de liderar proxectos dentro da comunidade #conecta2xAccesibilidad impulsada pola Fundación Vodafone España. Unha iniciativa que desenvolveu 16 proxectos de transformación dixital que buscaron facer a vida máis fácil a persoas con discapacidade grazas ao uso das novas tecnoloxías.

A finais de xaneiro de 2017 o traballo de desenvolvemento da aplicación para móbiles e tabletas Mefacilyta, iniciativa da Fundación Vodafone España, derivou nun proxecto máis complexo e ambicioso que buscou a converxencia de entidades da discapacidade para conformar a comunidade #Conecta2xAccesibilidad.

 

Nesta nova fase desenvolvéronse 16 proxectos de transformación dixital que buscaban facer a vida máis fácil a persoas con discapacidade grazas ao uso das novas tecnoloxías. No último ano Sarela foi unha das entidades responsables de liderar dous deses proxectos: Les Facilyta, que busca promover o voluntariado entre persoas con discapacidade grazas ao apoio da app, e Facilyta el movimiento, centrado en promover a actividade física e deportiva no mesmo colectivo.

 

Co remate do ano ambos proxectos tamén tocan ao seu fin e desde Sarela estamos moi satisfeitos dos resultados acadados.

 

“Facilyta el movimiento”: promovemos a práctica do fútbol sala, o boccia e a actividade física en ximnasios con máis de 60 persoas beneficiadas.

 

Con este proxecto quixemos salvar unha barreira á que se enfrontan as persoas con DCA á hora de practicar deporte e actividade física. Unhas das secuelas habituais son problemas de memoria, planificación ou execución. Isto fai que unha tarefa cotiá como prender un aparato no ximnasio ou seguir unha táboa de exercicios se volvan difíciles se non tes unha axuda persoal.

 

Grazas ao uso da aplicación Mefacilyta quixemos normalizar estas situacións sobre todo porque as persoas con DCA teñen a recomendación de manterse fisicamente  activos. As terapeutas ocupacionais personalizaron a app e, unha vez cargada no teléfono,  serviu de guía para, por exemplo, seguir a táboa de exercicios, empregar os aparatos do xinmasio, lembrar horarios e normas a seguir na instalación deportiva etc.

 

Nestes meses houbo 8 persoas da asociación que empregaron activamente esta aplicación. Unha, por exemplo, emprega a aplicación á hora de ir xogar ao fútbol sala. Grazas á mesma é capaz de facer as tarefas que lle tocan cando é o encargado do uso do pavillón municipal no que xogan. Tedes aquí máis información. Outras tres persoas están a empregar con moito éxito a aplicación Mefacilyta para ir ao ximnasio e realizar sen problemas e de forma correcta as táboas de exercicios. Por último, catro persoas empregaron a aplicación para dinamizar a varios grupos con distintas discapacidades para xogar ao boccia. Grazas ao uso dos móbiles e tabletas ensinaron as regras do xogos, dirixiron as partidas etc. Neste actividade participaron unha 50 persoas pertencentes a outras asociacións de Santiago de Compostela.

 

O proxecto Facilyta el movimiento desenvolvémolo conxuntamente con DACE (Asociación de Daño Cerebral Adquirido de Sevilla) e ADACEBUR (Asociación de Daño Cerebral Adquirido de Burgos).

 

“Les Facilyta”: 4 persoas con DCA participan en distintos programas de voluntariado.

 

 “Les facilyta” naceu para conxugar, a través dun programa de voluntariado, o desexo das persoas con DCA de prestar apoio á comunidade coa necesidade de axuda doutras como dependentes, persoas maiores etc. Buscamos que a persoa comparta a súas habilidades con aquelas que o precisen e á vez espallar o traballo e función social de Sarela.

 

Grazas ao uso da app Mefacilyta hoxe 4 socios de Sarela con dano cerebral adquirido están a realizar traballos na comunidade como voluntarios. Na web e nas redes sociais xa informamos dos casos de Jesús e Harry. Jesús quería colaborar coa residencia José Otero-Carmela Martínez axudando ás persoas maiores no tempo de lecer e Harry, pola súa banda, nun albergue de peregrinos no Milladoiro, onde reside. Debido aos problemas de memoria, ambos precisan axuda para determinadas rutinas. A aplicación, adaptada por unha terapeuta ocupacional, marcáballes e lembráballes aspectos como o traballo a facer, obrigacións como asinar nos rexistros, os horarios etc.

 

Grazas ao proxecto Isaías tamén está a participar na vida comunitaria fomentando, como xa informamos, a práctica do boccia en Agadea (Asociación Galega de Axuda ós Enfermos con Demencias tipo Alzheimer de Santiago). Pola súa banda, José participa nas campañas que desde Sarela realizamos na cidade para informar e sensibilizar sobre o ictus.

 

Este proxecto desenvolverémolo conxuntamente con TRACE (Asociació Catalana de Traumàtics Cranioencefàlics i Dany Cerebral) e ADACE CLM (Asociación de Daño Cerebral Sobrevenido de Castilla la Mancha). Seus destinatarios son persoas con DCA que, tras un período de rehabilitación, busca facer actividades que fomenten a súa autonomía e integración social.

 

 

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información