• slide interiores

Noticias

Comparecencia no Congreso dos Deputados para analizar a situación do DCA infantil

Comparecencia no Congreso dos Deputados para analizar a situación do DCA infantil

Compoñentes da Comisión de Sanidade e Servizos Sociais con representantes de FEDACE e Hiru Hamabi | Foto: © Hiru Hamabi

Cada ano se diagnostican en España 250 novos casos de dano cerebral adquirido por cada 100.000 nenos, polo que é a primeira causa de discapacidade na infancia, segundo afirmou Yolanda Fonseca Urtasun, presidenta da Asociación de Dano Cerebral Adquirido Infantil Hiru Hamabi 3/12.

Así o afirmou na súa comparecencia na Comisión de Sanidade e Servizos Sociais do Congreso dos Deputados que se produciu o pasado 14 de xuño para coñecer a situación e necesidades dos nenos e nenas con DCA en España.

Yolanda Fonseca, Luciano Fernández e Patxi López

Imaxe da comparecencia. De esquerda a dereita, Yolanda Fonseca (presidenta de Hiru Hamabi), Luciano Fernández (presidente de FEDACE) e Patxi López (presidente da Comisión de Sanidade e Servizos Sociais)

 

Fonseca asegurou que "pese a estas cifras, carecemos en case todas as comunidades autónomas de atención en neurorehabilitación para os menores entre 3 e 16 anos. Este dano cerebral adquirido é unha discapacidade coa que non se nace senón que sobrevén en calquera momento e en calquera familia e todos podemos sufrila".

"Non todos os nenos poden recibir un tratamento específico. Se houbese un centro de referencia onde poder acudir, esta problemática estaría cuberta pero non é o caso. Por iso, pedimos a creación de centros específicos de referencia e avogamos polos fondos de cohesión ou solucións de financiamento equivalentes. Pedimos unha optimización de recursos xa existentes", engadiu.

Tamén compareceu Luciano Fernández, presidente da Federación Española de Daño Cerebral (FEDACE), quen destacou a "situación de desamparo na que viven estes pacientes. Segundo os datos cos que contamos, en España viven 420.064 persoas con dano cerebral adquirido, das cales o 78% son por mor de ictus e o 22% por traumatismo cranioencefálico e outras causas. Cada ano prodúcense en España 104.000 novos casos, 99.000 por ictus e 4.937 por traumatismos cranioencefálicos".

"Para paliar isto existen en España 4.259 prazas específicas para este dano cerebral repartidas no ámbito sanitario e social: 733 son públicas, 1.265 concertadas e 2.261 privadas", engadiu.

Ante esta situación ambas asociacións solicitaron ante a comisión un Plan Nacional de Atención ao Dano Cerebral adquirido, así como a rehabilitación do paciente trala alta hospitalaria.

 

Nova elaborada a partir de información da axencia Servimedia.

 

 

Multimedia

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.