EAPN-Galicia lanza a campaña 'Concellos ao servizo das persoas'

12/03/2015

Iniciativa para comprobar se as candidaturas ás elecións municipais teñen como prioridade a loita contra a pobreza.

 
Representantes de Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN-Galicia) presentaron a campaña Concellos ao servizo das persoas, que ten como obxectivo buscar o compromiso dos candidatos e candidatas ás eleccións municipais para mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e o respecto dos dereitos sociais.
 
O presidente de EAPN-Galicia, David Silva, e o director, Xosé Cuns, presentaron na Casa das Asociacións de Santiago de Compostela, as claves e a razón de ser desta campaña que tamén pretende a participación activa da cidadanía, encargada esta de demandar aos candidatos e candidatas municipais que lle poñan fin a unha realidade social cada vez máis alarmante.
 
Na busca dun compromiso político
 
A través de Concellos ao servizo das persoas EAPN-Galicia lanza esta pregunta a todas as candidaturas ás eleccións municipais galegas: “Cre que a principal prioridade no seu concello debe ser a mellora da calidade de vida e a dignidade das persoas, especialmente as que se atopan nunha situación de pobreza ou exclusión social?”
 
A resposta por parte das persoas candidatas virá en forma de sinatura, ou non, do documento Compromiso coas persoas, unha declaración de 15 principios que os candidatos asinantes comprométense a cumprir.
 
O escrito inclúe medidas como o aumento drástico da coordinación e colaboración para a loita contra a pobreza e a abordaxe da situación cun enfoque inclusivo, concluíndo que en 2016 terá reducido nun 15% o total das persoas que se atopan en risco de exclusión no seu concello, O compromiso pide ademais que no 2016 se dedique un mínimo de 110€ por habitante ao ano á partida orzamentaria de actuacións de protección e promoción social (promedio do adicado polos concellos e deputacións galegas no 2013). De non ter acadados estes dous principios, a persoa candidata comprométese a dimitir.
 
Ao cabo da lexislatura, o compromiso implica reducir nun 25% as persoas que se atopan en pobreza ou exclusión (cumprindo así o establecido na Estratexia Europa 2020) e aumentar os orzamentos sociais a 160€ por habitante e ano.
 
Para levar a cabo esta campaña, EAPN-Galicia realizará entrevistas cos partidos políticos a nivel galego para que difundan o documento entre todos os candidatos e candidatas. Buscarase tamén unha participación activa da cidadanía para que pida aos políticos municipais un compromiso con estas actuacións, facendo desta campaña unha acción global e colectiva.
 
Concellos ao servizo das persoas irá acompañado dunha forte difusión en redes sociais e medios de comunicación que será levada a cabo polas entidades membro da Rede Galega de Loita contra a Pobreza. Contará ademais cun apoio web na páxina www.pobreza.gal, onde aparecerá información sobre os datos de pobreza, gasto social e transparencia dos concellos galegos, así como información sobre candidaturas e partidos que se van unindo a esta campaña a través da sinatura do compromiso.
 
A loita contra a pobreza, aínda sen resolver
 
A campaña Concellos ao servizo das persoas nace como resposta aos elevados datos de pobreza e exclusión social que existen en Galicia e en España, así como ao fracaso das políticas que pretenden facer fronte a esta realidade. En Galicia, o 24,3% da poboación atópase en risco de pobreza ou exclusión social, o que supón un total de 672.123 persoas. No total español, esta cifra ascende a 12.866.430 persoas, o 27,3% da poboación (Datos INE Eurostat. Informe Estado de Pobreza EAPN España)
 
O fracaso da loita contra esta situación débese en grande medida á falta de compromiso político na atención ás persoas por parte de moitos concellos, ás carencias na coordinación entre os distintos axentes, á corrupción política e á falta de transparencia. Ademais, existe un enfoque incorrecto na loita contra a pobreza, xa que se presenta cun carácter asistencialista no canto de avogar por unha actuación inclusiva.
 
EAPN-Galicia
 
A Rede Galega de Loita contra a Pobreza está integrada por 125 entidades que traballan contra a exclusión social e ten como misión defender os dereitos das persoas en situación ou risco de pobreza e exclusión mediante a incidencia política e social.
 
Para iso, realiza un traballo de incidencia e interlocución política para defender as propostas e preocupación das persoas que forman parte da rede, co firme convencemento de que o terceiro sector debe ser un axente democrático e participativo onde a defensa dos dereitos das persoas e da súa dignidade sexa unha loita principal.
 
Categorías: FEGADACE

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información