Enfriamento do cerebro, o futuro para tratar o ictus

27/08/2015

Dous galegos reciben un premio europeo polo avance nestas técnicas

A hipotermia focal, que consiste en arrefriar unha zona do cerebro, e a administración intravenosa de células nai, reveláronse eficaces para tratar o ictus, polo menos nos estudos realizados con animais no Laboratorio de Neurociencias Clínicas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). Os biólogos Alba Vieites e Esteban López recibiron premios por eses traballos na última Conferencia Europea sobre o Ictus, celebrada en Viena, por considerar que supoñen avances relevantes para tratar este grave problema de saúde. Ambos proxectos continúan, co fin de que poidan aplicarse a pacientes.
 
Coñécese que a temperatura corporal xoga un papel determinante en quen sofre un ictus. Así, explica Alba Vieites, se tras padecer un infarto cerebral o paciente presenta febre, por unha infección ou polo propio ictus, evolucionará peor. O descenso da temperatura corporal ten moito potencial terapéutico. Úsase en cardioloxía ou en neonatos que sufriron asfixia durante o parto, pero a súa indicación é limitada en pacientes con ictus, polos seus efectos adversos.
 
O estudo de Vieites comprobou que a hipotermia focal pode ser tan efectiva como o enfriamiento do corpo. En ambos casos verificou como os animais con ictus melloran e redúcese a morte de neuronas e a inflamación. Demostrou que o efecto terapéutico observado os primeiros días mantense tras acabar o tratamento: un mes despois do ictus a lesión é máis pequena nos animais tratados e a cicatriz que se forma, menos compacta.
 
Acceder ao cerebro de roedores, nos que fixo o estudo, é máis sinxelo que ao humano, que está moi ben illado térmicamente. Por iso, explica, o reto é conseguir tecnoloxía que permita arrefriar unha rexión específica do cerebro.
 
Ao traballo defendido en Viena dedicoulle ano e medio, e agora trata de aportar algunha solución tecnolóxica e estudar como afecta a hipotermia ás células para poder usalas como terapia.
 
Células nai
 
Esteban López continúa unha liña de investigación que xa se demostrou efectiva antes en Santiago para tratar o infarto cerebral en animais. El probou como a administración de células nai pluripotentes inducidas (IPS), a través da xugular, reduce o volume da lesión e mellora a recuperación nunha hemorraxia intracerebral. Os estudos continúan para pescudar como funcionan as células nai para mellorar a recuperación, explicar os resultados, e formular unha terapia para tratar pacientes, segundo explica.
 
Este tratamento resultou efectivo en casos de isquemia, cando o ictus se debe á oclusión dun vaso que non permite o fluxo sanguíneo, o que produce morte do tecido cerebral, e en hemorraxia cerebral, que se produce pola rotura dun vaso. Ambas formas son graves: a hemorraxia causa maior mortandade, pero a isquemia é máis frecuente na poboación, sostén Esteban López.
 
*Información e gráficos extraídos de La Voz de Galicia.
 
    Como se manifesta o ictus As consecuencias do ictus
Categorías: Ictus
Tags: cerebro

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información