• slide interiores

Noticias

Fisioterapia no DCA: por qué non funcionan os protocolos?

Fisioterapia no DCA: por qué non funcionan os protocolos?

Laura Martínez Emily dos Santos son fisioterapeutas en Sarela.

 

Ao contrario do que a maioría da xente pensa, a fisioterapia vai máis alá de dar masaxes e poñer correntes. Cando unha persoa sofre un dano cerebral adquirido (DCA) prodúcense unha serie de alteracións nas súas capacidades físicas que cambian a súa vida dun día para outro.

 

En moitos  casos, non van ser capaces de realizar accións cotiás como, por exemplo, mover unha parte do seu corpo, coller un obxecto, manterse sentado nunha cadeira ou poñerse de pé e camiñar.  Estas alteracións van depender da lesión (tipo de lesión, localización e severidade da mesma) e das características propias de cada persoa (idade, condición física previa, patoloxías asociadas etc), polo que unha mesma lesión non ten por que ter as mesmas consecuencias.

 

O papel do fisioterapeuta nestes casos será procurar que a persoa volva ter un estado físico similar ao que presentaba previo á lesión. O tratamento débese adaptar ás necesidades individuais de cada persoa e para iso o primeiro paso será valorar tanto as capacidades preservadas como as dificultades do paciente. Posteriormente  estableceranse unha serie de obxectivos realistas, alcanzables e que permitan o seu seguimento a curto prazo. 

 

Neste punto é fundamental considerar as expectativas tanto do paciente como da familia, ademais de ter en conta a súa contorna. Por exemplo, non ten sentido fomentar unha marcha exterior a unha persoa que non ten consciencia dos seus déficits, como un problema de equilibrio ou unha visión limitada, aspectos que son un risco para a súa integridade física. É dicir, todos estes factores son como pezas dun puzzle que encaixan entre si para que quede terminado. Por último, volveranse valorar as capacidades e limitacións do paciente para ver se houbo algún cambio ou non.

 

As preguntas máis habituais que nos atopamos os fisioterapeutas que traballamos con DCA adoitan ser “poderei volver camiñar?”, “poderei volver mover o brazo?”, “volverei levar a vida que levaba antes?”. Estas son preguntas para as que moitas veces non temos unha resposta clara, xa que polo xeral asociadas ás alteracións físicas atopámonos alteracións cognitivas, funcionais ou de linguaxe que van influír na recuperación desa persoa.

 

Os obxectivos que se definen van máis alá da recuperación dunha estrutura en si. Non tratamos un nocello ou un brazo. Tratamos unha persoa que, a maiores dun problema estrutural, ten unha consecuencia sistémica e por tanto non podemos abordar o tratamento de maneira illada. Debemos coordinarnos cos diferentes profesionais implicados (logopeda, terapeuta ocupacional, psicólogo, etc) para que a intervención sexa efectiva.

 

A maiores, o inicio do tratamento tamén vai condicionar a recuperación do paciente. Hai estudos que demostran que canto antes se empeza o adestramento maior é a posibilidade de recuperación. Cando transcorre moito tempo da lesión, comeza un período de estabilización e os cambios son máis difíciles de lograr. 

 

Neste sentido, nunha fase inicial realízase un traballo intensivo transdisicplinar de estimulación sensorio-motriz para recuperar funcións innatas esquecidas ou, no caso dos nenos con DCA, nunca experimentadas.

 

Nunha fase de estabilización o papel do fisioterapeuta segue sendo igual de importante xa que debe manter os obxectivos alcanzados na fase anterior así como propoñer outros novos orientados a achegarlle maior calidade de vida tendo en conta as limitacións existentes e respectando a súa individualidade, gustos, autonomía e a contorna que lle rodea.

 

Como conclusión final é importante recalcar que para realizar un bo tratamento fisioterapéutico é importante non centrarse soamente na parte física. Temos que ter en conta  a globalidade da persoa. Para enfocar a intervención é importante ter en conta se a persoa ten problemas de memoria, se comprende o que lle dicimos ou que problemas ten no seu día a día para poder  adaptar o tratamento as necesidades específicas da persoa.

 

 

Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.