• slide interiores

Noticias

Gañando o futuro

Gañando o futuro

 

Con este artigo comezamos unha serie na que a través da experiencia acumulada polas persoas que forman Sarela, desde as familias e persoas socias até o persoal da asociación, iremos analizando a súa realidade e obxectivos e reflexionando desde un punto de vista técnico sobre o dano cerebral adquirido e o traballo que se fai cada día en Sarela. Neste artigo Luciano Fernández, secretario da asociación, achega a súa visión sobre a relación que debe existir entre Sarela e o conxunto da sociedade.

 

GAÑANDO O FUTURO

 

Luciano Fernández Pintor  é o secretario na xunta directiva de Sarela

 

Ser capaz de concibir onde acaba o presente e onde se inicia o futuro non deixa de ser unha ilusión filosófica e que, nun exercicio de realidade, é practicamente imposible de discernir xa que o presente propiamente dito é unha realidade inexistente, un sopro entre o pasado e o futuro, un pasado crecente e un futuro minguante.

 

O que sen dúbida é innegable é que a construción de calquera futuro debe estar, e creo que de feito está, asentado na realidade do pasado, que é o único do que temos certeza.

 

Vén esta reflexión a colación de que futuro nos espera como entidade, como asociación, como queremos ser. E se ben é certo que todos os futuros son incertos, xa que existen demasiados elementos alleos a nós sobre os que non temos capacidade de influencia e que conformarán ese futuro, non é menos certo que tamén existen outros sobre os que si temos esa capacidade de actuación ou intervención e que nos axudarán a que ese devir que planificamos sexa o máis parecido posible á idea primixenia coa que pretendemos plasmar esa secuencia de fotos fixas que denominamos futuro.

 

Sarela, ata hoxe, creceu case de xeito antropomórfico. Seguindo todas as súas etapas, con impulsos, estancamentos, algunha que outra febre e como non, as correspondentes fracturas e mazaduras froito da súa inexperiencia inicial, até chegar á realidade de madureza actual. A realidade de hoxe está construída con ilusión, esforzo, tesón, coñecemento, capacidade e porque non dicilo, con algo de sorte, pero da boa.

 

O futuro ao que creo que debemos aspirar non pasa por desaparecer porque a sociedade, as familias e as persoas xa non necesiten de nós dado que a administración ten perfectamente cubertas e atendidas todas as necesidades do DCA. Esta realidade é utópica e como tal sabemos que non se vai a producir nunca. Nacemos e estamos aquí para quedarnos.

 

Sendo pragmáticos, a nosa obriga moral non é outra que crecer e fortalecernos. Ese crecemento, ese fortalecemento pasa inescusabelmente por reinventarnos, volvendo ás orixes, aos porqués do noso nacemento.

 

Sarela naceu para dar resposta a necesidades que apareceron na nosa porta. Os seus fundadores, vendo que a posible solución pasaba obrigatoriamente pola do movemento asociativo, pola unión, por facer piña, pola cordada e non pola escalada en solitario, por darnos a man e camiñar xuntos. Eles e elas non dubidaron en crear a asociación e impulsar o seu crecemento. Analizando estas primeiras accións e adaptándoas ás realidades actuais, estou convencido de que obteremos a clave do futuro.

 

O feito da prestación de servizos, dunha prestación de calidade, non nos pode nin debe apartar das nosas orixes. Para seguir sendo fieis á nosa xénese é inescusábel que volvamos desempoar o espírito de creación e impulso do movemento asociativo. Temos que ser capaces de conseguir que cada muller, cada home que entra pola nosa porta saia convertido nunha persoa asociada. Cada persoa que se achegue a nós debe saír convertido nunha máis do grupo, da cordada.

 

Se a sociedade só se achega a nós polos servizos que ofrecemos, sen buscar nada máis, como a calquera entidade privada, sen entender que isto é o froito dun movemento social, algo estamos a facer mal.

 

Pódenos parecer unha evidencia ou unha simpleza pero soamente con esta idea-faro podemos seguir crecendo con fortaleza moral e con fortaleza asociativa, defendendo e traballando para que as familias e as persoas afectadas por DCA teñan recoñecidos e garantidos os seus dereitos e a súa dignidade, para que o espazo DCA sexa cada vez máis amplo e xeneroso coas súas necesidades.

 

Gañaremos o futuro se conseguimos facer realidade o noso lema, crendo e impulsando o axioma de que UNHA VIDA SALVADA MEREZA SER VIVIDA ... CON DIGNIDADE.

 

 

Categorías: Sarela
Tags: Artigos, Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.