• slide interiores

Noticias

María Escario recibe o V Premio FEGADACE – Miguel Blanco

María Escario recibe o V Premio FEGADACE – Miguel Blanco

A súa valentía á hora de afrontar publicamente o ictus, a particular fortaleza amosada como muller con potenciais secuelas en forma de dano cerebral adquirido (DCA), e a naturalidade no retorno ao traballo e á normalidade despois da doenza fixeron á xornalista María Escario merecedora do V Premio FEGADACE – Miguel Blanco. Este galardón, que concede a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) con periodicidade anual, vaise entregar nunha ‘Xornada sobre o dano cerebral’ que vai ter lugar o 27 de outubro en Compostela.
 

Deste xeito, FEGADACE avanza unha parte da programación que se está a preparar en toda Galicia para conmemorar o Día Nacional do Dano Cerebral (26 de outubro) e o Día Mundial do Ictus (29 de outubro), as principais efemérides do ano para o movemento asociativo do DCA.FEGADACE entrega cada ano un galardón que recoñece o traballo e a traxectoria dun axente social implicado na defensa do colectivo e na sensibilización sobre o DCA. Ao escoller a María Escario a Federación recoñece o seu papel referencial como personaxe público, que serve de exemplo, espello e apoio ás máis de 35.000 persoas que teñen dano cerebral adquirido en Galicia.

 

Premio FEGADACE – Miguel Blanco: a quinta galardoada

A apatía, a depresión e a desorientación son secuelas (xunto coas motoras, orgánicas, sensoriais ou cognitivas) moi habituais nas persoas con dano cerebral. Contar con referentes como o da xornalista deportiva, que falou abertamente do seu caso e afrontou con naturalidade a volta á súa contorna laboral, é moi importante para o colectivo que representa FEGADACE.



Este premio comezou a entregarse en 2013, e, desde o ano pasado, inclúe no seu nome o de Miguel Blanco, o coñecido neurólogo que dirixiu a Unidade de Ictus do Hospital Clínico de Santiago e que foi estreito colaborador de FEGADACE ata o seu falecemento, repentino e prematuro, en 2015. Ata hoxe a Federación premiou o programa da Radio Galega ‘Convivir en Igualdade’, o neurólogo Miguel Blanco, a Fundación Barrié e a Dirección Xeral de Tráfico.



María Escario: unha vida de xornalismo deportivo

A madrileña María Escario é unha das mulleres pioneiras no xornalismo deportivo en España, cunha extensa carreira sempre vinculada á TVE. En 2012 tivo un ictus que a mantivo apartada das pantallas durante uns meses, para despois volver e recibir, en 2013, o Premio Ondas á mellor presentadora.



‘Xornada sobre o dano cerebral’ na sede de Afundación

O acto de entrega do premio vai ter lugar ao final da ‘Xornada sobre o dano cerebral’ que FEGADACE organiza na sede de Afundación (Rúa do Vilar, 19), en Santiago de Compostela, o 27 de outubro. Esta é a primeira da longa serie de actividades que o movemento asociativo do DCA prepara para conmemorar o Día do Dano Cerebral e o Día do Ictus, que se farán públicas proximamente.



A Xornada, aberta a todos os públicos, realizará unha completa abordaxe das causas e consecuencias do dano cerebral adquirido. Vai ter lugar na sede de Afundación desde as 09:00 do venres, 27 de outubro. A inauguración será realizada polo presidente de FEGADACE, Luciano Fernández, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey.



A continuación, o coñecido divulgador Álvaro Bilbao, neuropsicólogo do Centro de Referencia Estatal de Atención ao Dano Cerebral (CEADAC), impartirá a conferencia inaugural sobre ‘Rehabilitación e DCA: que esperan as familias?’. Trala súa intervención, unha persoa da DGT (o nome está pendente de confirmación) falará do traumatismo cranioencefálico en accidentes de tráfico como segunda causa do dano cerebral.


Despois dunha pequena pausa de descanso, a actividade retómase ás 12:00 coa intervención de Alfonso Alonso, subdirector xeral de Planificación e Programación Asistencial do Sergas, que falará sobre o Plan Ictus. Por último, Benito López-de Abajo, Xefe de Servizo de Clínica Médico Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), falará sobre “Tutela e Curatela”.



O peche da xornada será a entrega do V Premio FEGADACE – Miguel Blanco. Para finalizar, o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, realizará a clausura institucional.



A inscrición na ‘Xornada sobre o dano cerebral’ é libre e permanecerá aberta ata completar o aforo. Pódese tramitar neste formulario.



Ictus, a principal causa do dano cerebral adquirido

En Galicia prodúcense máis de 6.000 altas hospitalarias anuais por causa de ictus. Hai máis de 35.000 persoas con dano cerebral adquirido, e case o 80% dos casos desta discapacidade están motivados por un ictus. Ademais, é a principal causa de mortalidade en Galicia. Por este motivo, FEGADACE considera o caso de ictus de María Escario moi representativo da realidade efectiva do colectivo.



A segunda causa do dano cerebral son os traumatismos cranioencefálicos (TCE) provocados por accidentes de coche, seguidos dos TCE por accidentes laborais. Tamén son causa de DCA os tumores cerebrais, as anoxias, e outras doenzas con moita menos incidencia.



FEGADACE: 10º Aniversario

A ‘Xornada sobre o dano cerebral’ forma parte da programación do Día do Dano Cerebral e o Día do Ictus, pero está tamén inserida no ciclo de conmemoracións que FEGADACE organiza ao longo de 2017 para conmemorar a súa primeira década de vida. Co lema ‘Pasiño a pasiño faise o camiño’ FEGADACE repasa a súa andaina nestes dez anos de converxencia asociativa a nivel galego.

 

Información da web de FEGADACE

 

 

 

Categorías: FEGADACE
Tags: FEGADACE

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.