Nace a Asociación de Pacientes e usuarios do CHUS

09/02/2015

O seu obxectivo é que as persoas usuarias dos servizos sanitarios "teñan voz".

O "deterioro dos servizos sanitarios públicos como consecuencia das políticas de recorte", a "expulsión silenciosa pero brutal do sistema público de saúde" (a través dos copagamentos ou directamente negando a asistencia, como no caso das persoas migrantes sen papeis) e o desabastecemento de medicamentos esenciais para múltiples doenzas crónicas (por ausencia nas farmacias ou pola negativa da administración de sumistrar tratamentos considerados moi caros) son os motivos que levaron a un grupo de pacientes da área sanitaria de Santiago a asociárense e constituír, a mediados de xaneiro, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago).
 
En palabras dun dos seus fundadores, Fernando Abraldes -que tamén preside a entidade-, "o obxectivo é que os pacientes teñan voz" e "a defensa dos seus dereitos sanitarios". Abraldes sinala que a intención da Asociación de Pacientes é poñer de manifesto a realidade da sanidade, evidenciando o contraste entre a "sanidade oficial" (a das cifras transmitidas pola xestión institucional) e a "sanidade real" (a visión dos pacientes e persoas usuarias).
 
Máis polo miúdo, os fins da Asociación de Pacientes do CHUS son os seguintes:
 
  • Defensa do sistema público universal de saúde.
  • Defensa dos dereitos dos pacientes (actualmente recoñecidos ou non).
  • Asesoramento e información aos asociados.
  • Interlocución coas autoridades sanitarias, profesionais sanitarios e asociacións de pacientes.
  • Función de vixiancia e control das decisións políticas.
 
Para cumprilos pensan desenvolver diferentes actividades, como a organización de eventos, xuntanzas e encontros informativos, a edición de boletíns e informes, a exposición de suxestións, solicitudes, reclamacións e recursos,e  calquera outra iniciativa de utilidade e axeitada para o cumprimento dos fins. Fernando Abraldes insiste na intención da asociación de "dar voz aos pacientes". Por iso a primeira das actividades da asociación está a ser a recollida e publicación de experiencias de pacientes no blog que acaban de estrear: http://pacienteschus.blogspot.com.es/.
 
Polo momento a asociación está reuníndose unha vez ao mes no centro sociocultural de Santa Marta, en Santiago. As persoas interesadas en asistir, participar, ou enviar as súas experiencias, poden poñerse en contacto coa asociación no enderezo de correo apacienteschus@gmail.com e na páxina de Facebook Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS. A asociación contou, na súa xestación, co apoio de múltiples asociacións de pacientes e de persoas con discapacidade da zona. As entidades poden asociarse igual que as persoas particulares; agora mesmo hai 40 persoas socias.
 
A prioridade para a Asociación de Pacientes é a defensa da sanidade pública. Denuncian que "se están provocando nichos de deterioro para darlle entrada á empresa privada", provocando a atrofia de diferentes servizos: "en crónicos é onde máis se percibe; pero tamén en urxencias, nas listas de espera, na sobrecarga de traballo dos facultativos, en mantemento..." Da atención que obteñan polas súas denuncias dependerá, en boa medida, o restablecemento da calidade da prestación sanitaria, algo prioritario para Sarela. A discapacidade implica en moitas ocasións problemas de saúde asociados para os que é necesario contar con todos os medios e para todas as persoas.
 
Imaxe de Praza Pública con licenza Creative Commons 3.0.
 

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información