• slide interiores

Noticias

O Congreso outorga capacidade lexislativa á Comisión para as Políticas Integrais da Discapacidade

O Congreso outorga capacidade lexislativa á Comisión para as Políticas Integrais da Discapacidade

 

Información da axencia Servimedia.

 

O Pleno do Congreso dos Deputados acordou o pasado 15 de decembro por unanimidade outorgar capacidade lexislativa ás comisións para as Políticas Integrais da Discapacidade e para o Estudo do Cambio Climático. Con esa reforma, esas comisións poderán culminar o proceso de tramitación e aprobación de iniciativas lexislativas sen ter que elevalas necesariamente ao Pleno.

A reforma aprobouse mediante emendas, presentadas por Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea e por UPN dentro do Grupo Mixto, aproveitando a modificación do Regulamento para adaptar a denominación das comisións lexislativas á estrutura do Goberno e dos distintos ministerios.

Trátase dunha adaptación que a Cámara Baixa adoita acometer ao comezo de cada lexislatura unha vez que o presidente do Goberno investido toma posesión e nomea aos distintos ministros.

Dada a simplicidade da modificación e o acordo unánime de todos os partidos representados no Congreso, fíxose, como sempre, en tramitación urxente e en lectura única, é dicir, nunha única sesión e sen pasar por comisión nin relatorio.

Carlos Salvador defendeu a emenda de UPN, que falaba só da comisión de discapacidade, e subliñou que responde a unha necesidade suscitada por quen representan a ese colectivo, un 10% da poboación e máis de cinco millóns de familias con algún dos seus membros discapacitado. Celebrou por iso que esa comisión teña o mesmo estatus que as demais consideradas "importantes".

En nome de Unidos Podemos, que si levaba as dúas comisións na súa emenda, Isabel Salud subliñou que se trata dunha demanda do Cermi e pediu expresamente ao PP que responda aos problemas non só dos seus "amiguetes e ricachones" senón das persoas necesitadas.

Carles Campuzano, en nome do PdeCat, celebrou a resposta a unha demanda "histórica" dos representantes das persoas con discapacidade e singularmente do Cermi. Despois os portavoces de Cidadáns, PP e PSOE tomaron a palabra para anunciar tamén o seu voto favorable.

 

O Cermi augura unha lexislatura "moi positiva para as políticas de discapacidade"

 

O presidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi), Luís Cayo Pérez Bueno, asegurou que “nunca estivemos nun momento no que o Parlamento teña tanta potencialidade”, polo que cre que si se traballa buscando grandes acordos “será unha lexislatura moi positiva para as políticas de discapacidade, debido á necesidade de lograr maiorías suficientes, o que obrigará a ceder e chegar a acordos".

Ao xuízo de Pérez Bueno, a “potencialidade“ do Parlamento estará aínda máis reforzada grazas a que a Comisión de Políticas Integrais da Discapacidade terá carácter lexislativo, unha petición que o Cermi suscitara en numerosas ocasións.

 
En canto ás primeiras semanas nas que o Goberno está en plenitude de funcións, o responsable da plataforma representantiva da discapacidade en España apuntou que “este Executivo, nas súas primeiras semanas, deu mostras de ser dialogante, e iso sempre é positivo”. De feito, afirmou que a ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Dolors Montserrat, “transmite sensación de compromiso, de actividade, de non quedarse queda, de escoitar e de actuar”.

“O cambio que se produciu no estancado panorama político neste país é unha oportunidade”, agregou o presidente do Cermi, que saudou a aparición de novos “axentes políticos, os chamados novos partidos, que entre outras cousas impulsaron máis a presenza de persoas con discapacidade en postos de responsabilidade”.

 

 

Categorías: Discapacidade

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.