Os médicos piden "blindar" fronte ao copago algúns fármacos

10/04/2014

Declaracións do presidente da Organización Médica Colexial.

A Organización Médica Colexial (OMC) propuxo que os fármacos para determinadas enfermidades estean "blindados" fronte ao copago e, xa que logo, sexan gratuítos, para que ninguén quede excluído de ningún tratamento por falta de medios económicos. "Estamos niso", recoñeceu onte o presidente da OMC, Juan José Rodríguez Sendín, ao ser preguntado sobre se a súa organización está traballando niso. Trátase, explicou, de discriminar enfermidades e familias do copago, ás que hai que "garantir que teñan si ou si medicamentos gratuítos".
 
Sendín subliñou que hai determinados fármacos sobre os que non se pode ter ningunha dúbida, polo que o mellor é dalos gratis". O presidente da OMC precisou que se trata de "clasificar a imprescindible necesidade de determinados medicamentos" que deberían ser gratuitos e insistiu en que se poden adoptar "medidas razoables" para garantir que ninguén queda excluído. "Non nos podemos permitir que unha familia non tome medicamentos básicos para as súas enfermidades porque non teña diñeiro", recalcou. Sendín fixo estas declaracións despois de participar nunha xornada sobre o presente e futuro do modelo sanitario, organizada polo Consello Social da OMC.
 
No acto, a Confederación Española de Organizacións de Maiores (CEOMA), o Foro Español de Pacientes (FEP), o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e a Federación de Usuarios e Consumidores Independentes (FUCI) coincidiron en denunciar que o copago é inxusto, especialmente para os colectivos aos que representan. O presidente dos médicos invitounos a "conxurarse" para elaborar unha proposta conxunta, "formal e seria", de face á viabilidade do sistema sanitario, que recolla solucións "nas que digamos que é o que cremos que é mellor para a nosa xente".
 
Rodríguez Sendín incidiu en que o Sistema Nacional de Saúde é "a marca de identidade" de España e preguntouse que outro modelo é máis xusto e ten mellores resultados con idénticos custos.
 
"Onde está o modelo alternativo?", preguntou Sendín, que subliñou que a saúde non é unha mercancía que se compra e se vende, polo que é imposible someter o sistema ao ánimo de lucro. O presidente da OMC volveu reafirmarse na súa proposta de cobrar aos cidadáns polo mal uso dos servizos sanitarios e asegurou que entre o 20 e o 30 por cento dos pacientes non acoden á súa cita co especialista malia non tela anulado previamente.
 
Un mal uso do sistema "consciente", explicou Sendín, que insistiu en que non se trata de cobrar a aquelas persoas que van ao médico, aínda que sexa con moita frecuencia, porque teñen medo. E esta proposta, dixo, faise nun momento en que "os tambores do copago" sanitario (cobrar por cada acto médico) "están aí", despois de que o informe de expertos sobre a reforma fiscal o formularan, o que, ao seu xuízo é un "profundo disparate".
 
As organizacións mostráronse en contra de que os pacientes paguen por ese mal uso, que admitiron que se pode dar nalgúns casos, e avogaron pola formación máis que por medidas coercitivas. Así, Begoña Barragán, do Foro de Pacientes, sinalou que "hai que pensarse castigar aos pacientes", cando en España a fraude fiscal alcanza 67.000 millóns de euros fronte aos 55.000 millóns do gasto sanitario.
 
Os representantes destas entidades coincidiron tamén en denunciar a inequidade do sistema, non só polas diferenzas na atención sanitaria entre as diferentes comunidades autónomas, senón as que se dan tamén nunha mesma provincia e cidade. Segundo Barragán, "estamos asistindo ás maiores tolemias e pasando liñas vermellas", de tal forma que "agora o paciente que está mellor tratado é o máis listo, o que sabe moverse e onde ir".
 
O residente do CEOMA, José Luís Meler, considerou que a sanidade non debería ser transferida ás comunidades autónomas, algo que, segundo sinalou, o vicepresidente de FUCI, Miguel García Pérez, pensan moitos españois, segundo as queixas que chegan á organización. O vicepresidente do CERMI, José María Sánchez Monge, denunciou que os recortes están facendo que moitas persoas pasen dunha situación de discapacidade a unha de dependencia.
 
*Información extraída da páxina web do CERMI e imaxe de cousine4everkis con licenza CC BY-ND 2.0.
 
Categorías: Discapacidade

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información