Persoas afectadas pola Hepatite C convocan unha manifestación

20/02/2015

Será o domingo, 1 de marzo, en Santiago de Compostela.

A Plataforma Galega de Afectados e Afectadas pola Hepatite C convoca, o domingo 1 de marzo, unha manifestación para reivindicar o dereito de acceso ao tratamento para a súa doenza. A protesta sae do muro da Estación de Tren de Santiago de Compostela (no cruce da rúa do Hórreo coa Avenida de Lugo) ás 12:00 hh.
 
O obxectivo desta marcha cívica é concienciar á cidadanía sobre a problemática das persoas con Hepatite C e presionar á administración central e autonómica para que eliminen as restricións no acceso ao tratamento de última xeración que pode curar esta doenza na maioría de persoas que a teñen.
 
O tratamento para a Hepatite C denomínase Sovaldi. O seu prezo é moi elevado; por ese motivo, en consonancia coas chamadas políticas de austeridade, a súa administración está sendo moi limitada. A Plataforma de Afectados e Afectadas reclama o acceso ao fármaco pola súa elevada efectividade, e denuncia que a subcomisión colexiada que se encarga de decidir -caso a caso- cando se administra está a denegar moitas das peticións ou a adiar a resolución durante meses, causando o empeoramento e mesmo a morte dos pacientes que agardan.
 
A Plataforma solicita o apoio de toda a cidadanía galega á súa causa e chama a asistir, baixo o lema 'Os recortes matan, medicación para tod@s', á manifestación do día 1 de marzo. Sarela anima a solidarizarse, no marco da campaña do movemento asociativo da discapacidade contra o copagamento confiscatorio, coa plataforma de persoas que teñen Hepatite C, e a reclamar o tratamento para todas elas.
 
    Manifestación da Plataforma de Afectados e Afectadas pola Hepatite C

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información