• slide interiores

Noticias

Sarela considera urxente crear unidades de dano cerebral para garantir unha rehabilitación inmediata, intensiva e integral

Sarela considera urxente crear unidades de dano cerebral para garantir unha rehabilitación inmediata, intensiva e integral

Sarela realiza campañas de información e preveción en diferentes centros de saúde de Santiago.

 
  • Hoxe, en función da área sanitaria, é deficitaria ou inexistente a atención en especialidades como logopedia, terapia ocupacional, neuropsicoloxía, etc.
  • En moitos especialidades hai meses de espera para iniciar a terapia, un tempo vital para a recuperación desas persoas e diminuír as secuelas.
  • En relación ao ictus, a prevención é o outro reto: nas enquisas realizadas por Sarela, o 95% das persoas din saber o que é un ictus pero só o 33% coñece algunha medida de prevención.
  • O reducido número de prazas en centros de día contrasta coas máis de 35.000 persoas afectadas en toda Galicia.

Esta semana coñeciamos a implantación do Plan Ictus Galicia, que na práctica é estender o plan de atención rápida que viña funcionando nos hospitais do Barbanza e do Salnés tendo o Hospital Clínica de Santiago como centro de referencia. Sarela celebra esta medida despois da experiencia de Santiago pero quere chamar a atención sobre algunhas das carencias existentes hoxe na atención ás persoas que, como resultado dun ictus, teñen como secuela un dano cerebral adquirido (DCA).

 

Sarela considera que os grandes problemas referidos ao dano cerebral, unha vez se consolidan os procesos de atención hospitalaria, están nas fases de prevención e recuperación. Sarela realiza desde hai anos campañas de información e prevención nos principais centros de saúde de Santiago (Concepción Arenal, Conxo, Fontiñas e Vite) así como no Hospital Clínico.

 

Fase de prevención

 

Das enquisas realizadas ás persoas informadas neste contexto, chama a atención que case un 95% saben o que é un ictus e o 68% coñece algún caso no seu contorno persoal pero só o 33% coñece algunha das medidas de prevención básicas (hábitos alimenticios, exercicio físico, consumo de alcohol e tabaco etc). En relación aos síntomas que axudan a detectar un ictus o77% das persoas detectan como a perda de forza nun lado do corpo, a dor de cabeza un 58% e a perda de visión un 54%.

 

Segundo os últimos datos da Federación Española de Dano Cerebral Adquirido o ictus xa é a primeira causa de DCA. Mentres nos anos 80 predominaba xente nova con DCA causado por accidente de tráfico, hoxe o ictus provoca o 78% dos casos. Disto deriva que a media de idade aumentara (o 65% das persoas afectadas xa teñen máis de 65 anos) e tamén mudaran as necesidades asistenciais.

 

A recuperación

 

Na fase de recuperación, as secuelas que provoca o DCA xeran necesidades de resposta sanitaria complexas. Sarela considera que é imperiosa a necesidade de crear, integradas no sistema público de saúde, Unidades de Dano Cerebral en cada área sanitaria que integren todas as especialidades implicadas na rehabilitación.

 

Hoxe, en función da área sanitaria, é deficitaria ou inexistente a atención en especialidades como logopedia, terapia ocupacional, neuropsicoloxía, etc. En moitos casos hai meses de espera para iniciar a terapia, un tempo vital para a recuperación desas persoas. De existir, as secuelas serían menores, os coidadores terían menos cargas e avanzariamos en aspectos como a incorporación laboral.

 

Hoxe estímase que en Galicia hai máis de 35.000 persoas con DCA, cifra que contrasta cun reducido número de prazas en centros de día. Neste sentido Sarela advirte que a valoración que fai a administración dos casos normalmente non recolle que esas persoas precisen, por exemplo, estar nun centro de día o que implica enmascarar as súas necesidades e non crear novas prazas.

 

Categorías: Sarela , Ictus

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.