Terapia ocupacional. E iso que é?

28/03/2017

Neste artigo, que continúa coa serie que estamos a elaborar por especialidades, as nosas terapeutas ocupacionais explícannos a importancia desta rehabilitación para abordar os déficits dunha persoa con dano cerebral adquirido e reforzar as súas capacidades para que sexa o máis independente posible.

TERAPIA OCUPACIONAL. E ISO QUE É?

 

Ana Ruiz Sancho e Mª José Hermida Magariños son terapeutas ocupacionais en Sarela.

 

Despois dun dano cerebral prodúcense moitos cambios na persoa. Problemas motores, dificultades de memoria, déficit na comunicación etc. Cando pensamos en que tratamentos serán precisos para unha pronta recuperación sempre aparece na nosa mente a importancia da fisioterapia, da logopedia se hai problemas na linguaxe ou na alimentación, ou do tratamento neuropsicolóxico para recuperar os déficits cognitivos. Pero entón, que lugar ocupa en todo isto a terapia ocupacional?

 

Nas primeiras fases despois do dano, a persoa depende en gran medida dos demais debido a problemas de mobilidade, dificultades para vestirse, ducharse, manexarse no exterior… Os déficits cognitivos tamén repercuten á hora de desenvolverse con autonomía no ámbito comunitario, polo que sempre hai un familiar ou unha persoa próxima que axudará a que todo sexa máis sinxelo.

 

É aquí onde serán visibles os beneficios da terapia ocupacional que, por definición, intervén para recuperar a máxima funcionalidade da persoa. As terapeutas ocupacionais debemos coñecer os aspectos motores, sensoriais e cognitivos que inflúen na realización das actividades cotiás, o que chamamos “actividades da vida diaria básicas e instrumentais”, para entender como abordar os déficits da persoa e reforzar as súas capacidades, co fin de que volva a ser o máis independente posible.

 

A terapia ocupacional colabora en transferir esas aprendizaxes instauradas nas sesións para aprendelas de novo no ambiente cotiá. O mellor indicador de que a intervención está sendo efectiva sería que a persoa fora gañando autonomía no día a día. Pero non sempre é así. En ocasións escoitamos aquilo de “cando mellore xa o fará” pero pode suceder que observamos avances nas sesións que non teñen o seu reflexo na vida diaria da persoa.

 

Por isto é básico ver á persoa e non só poñer o foco nas habilidades concretas que queremos traballar. As melloras motoras, cognitivas ou na comunicación, forman parte dun todo que vai máis alá das intervencións específicas que aborden cada factor de maneira illada. Forman parte dun todo que é a persoa, cos seus roles anteriores, coa súa maneira de facer as cousas e coa súa forma de actuar na vida. Non ver á persoa desde a globalidade impide que entrelace unhas aprendizaxes con outras para volver a atoparse consigo mesma, coa súa vida, cos seus intereses e coa súa nova maneira de ser tras o dano.

 

Pese a iso non sempre a persoa logra acadar as tarefas de maneira autónoma e depende doutra persoa para realizar as actividades básicas do día a día. Podemos, nestes casos, incidir na autonomía da persoa?

 

A terapeuta ocupacional asesora á familia e ao seu entorno (asistente persoal, profesionais e outras persoas que interactúan coa mesma) na importancia de “non facer a non ser que sexa preciso”, esperar e facilitar naquelas fases da actividade na que a persoa non poida facelo soa. Naqueles casos nos que sexa preciso apoiar en todo momento, deberemos aprender a respectar os tempos da persoa, a reforzar a súa toma de decisións e a súa autocompetencia. Porque niso consiste “mellorar”, en volver a ser e a decidir. Se non é do mesmo xeito, será reencontrándose nunha nova persoa, que tras o dano cerebral loita por superarse e por volver a atopar o seu espazo na vida.

 

Categorías: Sarela , Artigo

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información