• slide interiores

Noticias

Un caudal de sentimentos

Un caudal de sentimentos

UN CAUDAL DE SENTIMENTOS

 

Rocío García Calvo é a directora de Sarela

 

Sarela é un río de Santiago,  coñecido como río dos Sapos. Os sapos son da familia dos bufónidos. Bufar é resoprar con forza e furor, tamén, manifestar enfado ou malestar con expresións e xestos.

 

A Asociación Sarela nace e discorre cara un único punto, sería aquel onde as familias se encontran para axudarse e axudar a outros. Ess familias non deberan chegar á asociación “bufando”, pero así veñen. Abandonadas por un sistema que ten a obriga de atendelas, soben montañas ata dar chegado ao val que as calma.

 

Unha dirección empática escoita e percibe o que esa familia está a sentir, a dor, o sufrimento, e só a través das propias emocións de tristeza, ira, preocupación, pode axudar a que a atención ao dano cerebral adquirido (DCA) mellore. As familias con DCA salvan grandes obstáculos e na súa adaptación van formando meandros segundo as intervencións que os profesionais foran facendo para as “súas vidas”.

 

Tendo en conta que o DCA é para toda a vida, que a súa erosión é enorme e que é preciso chegar a unha desembocadura máis cedo ou máis tarde, a dirección empática debe asegurar que ese océano estea cheo de benestar e cohesión do grupo. A alta dirección xunto con co entusiasmo, a proximidade, a xustiza e a humildade deben facer confluír as augas de varios ríos en relación ao DCA:

 

-          Os gobernos e os sistemas sanitario e social deben mellorar na parte máis humana da atención ás persoas. Deben dirixir e decidir con empatía.

 

-          As familias deben ser acompañadas no percorrido frío, duro e solitario do DCA e tamén mirar atrás cando cheguen ao final, pois aí hai outras familias facendo a mesma travesía.

 

-          As entidades debemos acoller para facer ese acompañamento, facer novos meandros nos que descansar e avanzar, crear un leito onde as novas familias saiban que alí as esperan outras.

 

-          As e os profesionais, cun alto compromiso e implicación, deben contar co máximo coidado e humanidade por parte da dirección. Durante varias horas ao día fan o mesmo camiño tortuoso ao lado desa persoa e familia con DCA. A corrente tamén os fai vulnerables, e ao igual que as familias teñen que saber que a dirección os vai acompañar.

 

Sarela desemboca no río Sar, no lugar da Ponte Vella.

 

O dito di: Entre o Sar e o Sarela, está Compostela.

 

Podemos pensar que, entre a desesperanza e a vida no DCA, está a Asociación Sarela.

 

 

 

Categorías: Sarela
Tags: Artigos, Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.