Visita a Sarela do Conselleiro de Política Social

22/01/2016

A sede da Asociación Sarela acolleu a xuntanza entre FEGADACE e o Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela.

A sede da Asociación Sarela acolleu o 14 de novembro a xuntanza entre FEGADACE (Federación Galega de Dano Cerebral) e o novo Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela. No encontro tamén participou a Directora xeral de Maiores e Persoas con discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez. FEGADACE trasladoulle á Consellaría as principais demandas do sector e coñeceron durante a visita ao centro de Sarela o sistema de atención ás persoas con dano cerebral adquirido. 

 

A directiva de FEGADACE expuxo ao conselleiro as súas peticións máis urxentes a curto prazo: un aumento das prazas concertadas para centro de día, a posibilidade de creación de prazas de residencia en Vigo, e a modificación dos criterios de copagamento aplicables ao colectivo de persoas con dano cerebral adquirido.

 

Estas peticións están fundamentadas nas necesidades detectadas por FEGADACE e as súas asociacións e nas cifras de prevalencia do dano cerebral adquirido en Galicia onde hoxe viven 35.756 persoas con dano cerebral adquirido. As asociacións galegas de dano cerebral atenden a 342 persoas, das que 180 son usuarias do servizo de centro de día. Das prazas de centro de día, 53 están concertadas coa Consellería de Política Social, unha cifra totalmente insuficiente se as comparamos coa cifra total de persoas afectadas.

 

Revisión dos criterios de copagamento

A situación que máis preocupa neste momento ás asociacións é o cambio introducido en 2014 nos criterios de copagamento polas prazas no Servizo de Atención Diúrna Terapéutica, coñecido comunmente como centro de día. Anteriormente era, en todos os casos, de ata un máximo do 35% do importe da praza. Ese criterio foi modificado atendendo á capacidade económica da persoa (que se mide en función dos ingresos da unidade familiar e do patrimonio persoal). A reforma resultou ser prexudicial para as rendas máis baixas, deixando ás familias con menos ingresos en peor situación.

 

Os membros de FEGADACE preguntaron ao conselleiro, en particular, polo anuncio realizado o pasado 10 de novembro de 2015 no Parlamento de Galicia sobre unha posíbel diminución do copagamento para as persoas con DCA que non foi concretada. José Manuel Rey explicou ao respecto que a Consellería que representa ten previsto concertar cando menos 20 novas prazas para a atención ao DCA en 2016, e incrementar a achega a través do convenio que mantén coa Federación ata 211.500 euros. Por último, sinalou que a Consellería estudaría a proposta de FEGADACE de dotar a franxa Atlántica de prazas de residencia para persoas con dano cerebral.

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información