Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
Chamar a atención da dimensión social do Dano Cerebral Adquirido (DCA), incidir na importancia da prevención, explicar a importancia da atención especializada ou falar dos dereitos das persoas e familias nesta situación, son algúns dos obxectivos que ten o ciclo de charlas que, durante os meses de outubro, novembro, decembro e xaneiro, desenvolverá Sarela en 17 centros socioculturais da cidade, barrios e parroquias de Santiago.
Chamar a atención da dimensión social do Dano Cerebral Adquirido (DCA), incidir na importancia da prevención , explicar a importancia da atención especializada ou falar dos dereitos das persoas e familias nesta situación, son algúns dos obxectivos que ten o ciclo de charlas que, durante os meses de outubro, novembro, decembro e xaneiro, desenvolverá Sarela en 17 centros socioculturais da cidade, barrios e parroquias de Santiago. O arranque destes encontros no mes de outubro débese á celebración do próximo sábado 26 do Día do Dano Cerebral Adquirido .
Hoxe, o DCA é a primeira causa de discapacidade e dependencia en España. A pesares diso, a maior parte da poboación non identifica correctamente o “dano cerebral adquirido”, realidade que cambia cando falamos das causas que o provocan (ICTUS, traumatismos cranioencefálicos, tumores cerebrais etc) xa que a maior parte da poboación ten ou coñece un caso directo no seu entorno familiar e social. Hoxe o ICTUS é a primeira causa de mortalidade en España pero tamén a de DCA. Grazas aos avances médicos e asistenciais, cada vez máis vidas son salvadas pero moitas delas continuarán con distintas secuelas, o DCA, e polo tanto cun alto impacto en termos de dependencia e cronicidade. Hoxe calcúlase que en Galicia unhas 35.000 persoas teñen dano cerebral.
Inverter esa situación de cara a que as persoas e familias teñan a mellor atención e saiban como actuar en cada momento, é un dos obxectivos das charlas que agora organiza Sarela nos centros socioculturais da cidade. Orientadas á poboación xeral, nas charlas incidirase na prevención en función das causas; daranse pautas de coidados e recomendacións sobre trámites en caso de que nalgún momento teñamos que enfrontarnos a esa situación; explicarase a importancia da atención especializada e dos recursos existentes; explicaranse as secuelas tan diversas que se poden derivar dun DCA e presentarase o programa de voluntariado da entidade.
Este ciclo de charlas forma parte do programa de información, orientación e apoio a familias que, xunto co centro de día terapéutico, o servizo de rehabilitación, orientación laboral e terapia acuática, son as pezas que configuran os servizos de Sarela.
As datas confirmadas para estas charlas son:
OUTUBRO
11 | 19:00 h. | CSC da Pontepedriña
16 | 18:00 h. | CSC da Almáciga
17 | 19:00 h. | CSC de Santa Marta
22 | 19:00 h. | CSC de Vite
23 | 18:30 h. | CSC de Sar
25 | 18:00 h. | CSC da Trisca
30 | 17:00 h. | CSC das Fontiñas
31 | 18:30 h. | CSC do Romaño
NOVEMBRO
05 | 19:00 h. | CSC de Villestro
06 | 17:00 h. | CSC do Castiñeiriño
12 | 18:30 h. | CSC da Rocha
13 | 20:00 h. | CSC da Gracia
19 | 19:00 h. | CSC de Amio
22 | 17:30 h. | CSC de Lavacolla
26 | 19:00 h. | CSC de San Lourenzo
DECEMBRO
03 | 18:30 h. | CSC de Figueiras
XANEIRO
14 | 19:30 | CSC de Conxo