Este sábado, 19 de decembro, Sarela está de aniversario. Hai meses que as ideas que tiñamos para celebralo quedaron desbotadas pero iso non significa que renunciemos a facelo. Hoxe comezamos cun repaso de pequenos pasos que conforman o camiño percorrido nestes 20 anos. Son momentos, compromisos, formas de traballar ou proxectos que nos marcaron.
20 anos en pequenos pasos: o primeiro centro de Sarela
Fai clic na imaxe para ver o vídeo en Youtube
O primeiro, que resume o noso presidente José Balboa, é a satisfacción que supuxo en xaneiro de 2003 a apertura do primeiro centro de Sarela. Foi posible grazas á ansia dun pequeno grupo de familias autoorganizadas que querían chegar alí onde non o facían os servizos públicos á hora de atender aos seus fillos/as, maridos, esposas, nais, pais etc.
Na imaxe que abre esta peza, José Balboa está acompañado por José María Hernández Cochón e Mar Bernal, Conselleiro de Sanidade e Concelleira de Servizos Sociais respectivamente; Miguel Anxo García Álvarez, Psicólogo Clínico no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e Javier Fernández, un mozo con dano cerebral. Cremos que esta imaxe representa o comezo dun camiño que non tería sido posible sen o traballo das familias, profesionais, persoas voluntarias e colaboradoras e a implicación institucional.
20 anos en pequenos pasos: os servizos
Fai clic na imaxe para ver o vídeo en Youtube
20 anos, cando falamos da atención ás persoas con #DanoCerebral, é un período de tempo moi longo no que pasan moitas cousas. Desde o nacemento de Sarela as necesidades das persoas usuarias mudaron por distintos motivos.
Moitas destas persoas fixéronse maiores e o perfil das que chegan agora a Sarela é diferente ao cambiar as causas que provocan o DCA (máis #ictus fronte aos traumatismos cranioencefálicos de hai uns anos). Sarela, neste tempo, medrou adaptándose ás necesidades das persoas e familias e así foi abranguendo desde a rehabilitación, a atención en centro de día, a orientación laboral etc.
Nesta segunda peza con motivo do #20AniversarioSarela, Rocío García (psicóloga/neuropsicióloga e directora de Sarela) pon voz a estas reflexións con imaxes de diferentes momentos en Sarela.
20 anos en pequenos pasos: o proxecto común
Fai clic na imaxe para ver o vídeo en Youtube
Hoxe é Marián Aramburu quen pon voz ao proxecto común que é Sarela. Marián condensa en menos dun minuto un dos proxectos que mellores momentos non ten feito pasar nestes 20 anos. O grupo de teatro, e a representación anual da obra que preparan durante varios meses, ten grandes beneficios individuais como a nivel asociativo ao fortalecer o traballo común e a convivencia. En 2020 a obra quedou en suspenso pero retomarémola cando todo pase.
20 anos en pequenos pasos: o novo centro
Fai clic na imaxe para ver o vídeo en Youtube
Nas dúas décadas de traballo de Sarela un fito fundamental foi a construción do novo centro no Castiñeiriño. Foi o resultado de moi traballo e a suma de apoios como os do Concello de Santiago cedendo a parcela, da Deputación da Coruña e do Goberno de España implicándose na súa construción e equipamento, e da Xunta de Galicia no sostemento da atención ás persoas coa ampliación do número de prazas públicas no centro de día. Así a todo, como di Ana Ruíz (terapeuta ocupacional e coordinadora do noso Servizo de Atención Especializada) o importante deste centro é o que construímos cada día nel: vidas de persoas e familias. Moitas grazas a todas elas.