26 O | Día do DCA: mesmas reivindicacións para avanzar nos dereitos das persoas con dano cerebral.

19/10/2018

Un ano máis, e van doce, Sarela celebra o venres 26 de outubro o Día do Dano Cerebral. O acto principal será a andaina que faremos desde a Alameda até a praza do Obradoiro onde leremos o manifesto no que recollemos o sentir e reivindicacións do movemento asociativo. Tamén teremos mesas informativas e outras accións de visibilización. Entra na noticia para ter máis detalles.

O Día do Dano Cerebral Adquirido celébrase desde 2007, ano no que o Consello de Ministros oficializou o 26 de outubro como data para dar visibilidade ao colectivo de persoas con DCA. Foi a proposta de FEDACE (Federación Española de Dano Cerebral) e desde aquela este día converteuse nun espazo de reivindicación para todo o colectivo das necesidades de atención das persoas con DCA e súas familias.

 

Estes son os actos que organizamos para conmemorar o Día do Dano Cerebral e o Día do Ictus o luns 29 de outubro ao ser esta a primeira causa de dano cerebral adquirido.

 

 

VENRES 26 | DÍA DO DANO CEREBRAL ADQUIRIDO

 

11:30 h. Andaina e lectura do manifesto do movemento asociativo

 

Un ano máis e se o tempo o permite faremos unha camiñada reivindicativa e festiva desde a Alameda até a Praza do Obradoiro. Todas as persoas que formamos parte de Sarela (socios, familiares, profesionais etc) participaremos neste acto ao que está convidada toda a cidadanía.

 

O punto de encontro para a saída é na estatua das Marías. Desde alÍ sairemos ás 11:30 e faremos un percorrido cidade vella até a Praza do Obradoiro. Ás 12:00, diante da Casa do Concello, leremos o manifesto que simultaneamente farán á mesma hora todas as entidades asociadas en FEDACE (Federación Española de Dano Cerebral).

 

 

VENRES 26 (DÍA DO DCA) e LUNS 29 (DÍA DO ICTUS)

 

Mesas informativas entre as 10:00 e as 13:00 no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Hospital do Barbanza (Ribeira) e Centro de saúde da Estrada.

 

No último ano Sarela fixo un esforzo importante por traballar grazas ao programa de Intervención comunitaria nos concellos nos que, en base aos nosos estatutos, temos o compromiso de actuar. O ano pasado con motivo do Día do Dano Cerebral tivemos unha mesa informativa no Hospital do Barbanza e este ano estaremos por primeira vez no Centro de Saúde da Estrada. O día do Ictus, primeira causa de DCA, faremos un esforzo para estar novamente no CHUS, no Hospital do Barbanza e na Estrada.

 

 

DO VENRES 26 AO LUNS 29

 

Iluminación do Pazo de Raxoi e das Torres Hejduk no Gaiás CdC.

 

O verde de Sarela estará durante catro días iluminando a noite de Compostela. Grazas á colaboración do Concello de Santiago e da Cidade da Cultura, a fachada do Pazo de Raxoi e as Torres Hejduk  estarán iluminadas de verde desde o venres 26 (Día do DCA) até a noite do luns 29 (Día do Ictus).

 

 

SÁBADO 10 DE NOVEMBRO

 

Concerto familiar da Real Filharmonía de Galicia para dar a coñecer a labor de Sarela ás 18:30 no Auditorio de Galicia.

 

Este ano, grazas á iniciativa da Real Filharmonía de Galicia, Sarela terá un espazo no ciclo "Descubre unha orquestra para ti... a túa!". Este é un ciclo de concertos familiares que quere achegar a orquestra e a música clásica a todos os públicos e que dedica cada concerto a unha entidade social da cidade.

 

A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave, e acompañada de alumnos da Escola de Altos Estudios Musicais e da compañía de monicreques Per Poc interpretarán O crebanoces (P. I. Chaikovski).

 

Entradas

As entradas teñen un prezo xeral de 5 euros e se quen a merca é menor de 14 anos terá dúas entradas de balde (esta modalidade són é apliacable na venda nos despachos de billetes). Están a venda nos despachos do Auditorio e do Teatro Principal. Tamén se poden adquirir na páxina da Concellaría de Cultura do Concello de Santiago .

 

Despacho de billetes do Teatro Principal: aberto de martes a sábado (+ días de evento) de 18.00 a 21.00h. Teléfono: 981 542 349. Despacho de billetes do Auditorio de Galicia: aberto desde 1 h 30 min antes do concerto.

 

 

Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información