8 de marzo de 2022: Vinte e cinco anos de conquistas e reivindicación

08/03/2022

Reproducimos o manifesto da Fundación Cermi Mujeres con motivo do Día Internacionall da Muller: "Hoxe, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, as mulleres e nenas con discapacidade non podemos deixar pasar a oportunidade para denunciar un ano máis a situación de exclusión ás que nos vemos sometidas de maneira sistemática como cidadás. Aínda cando nos últimos anos se produciron importantes avances na conquista formal de dereitos e existe na sociedade en xeral unha maior toma de conciencia sobre...

8 de marzo de 2022: Vinte e cinco anos de conquistas e reivindicación

 

Hoxe, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, as mulleres e nenas con discapacidade non podemos deixar pasar a oportunidade para denunciar un ano máis a situación de exclusión ás que nos vemos sometidas de maneira sistemática como cidadás. Aínda cando nos últimos anos se produciron importantes avances na conquista formal de dereitos e existe na sociedade en xeral unha maior toma de conciencia sobre a nosa realidade, con todo, queda moito camiño por percorrer aínda.

 

Non podemos esquecer que neste 2022 o movemento CERMI celebra o seu vinte e cinco aniversario, un cuarto de século no que as mulleres con discapacidade organizadas alzamos a nosa voz para denunciar como seguiamos sendo esquecidas en Beijing 95, a pesar de que se falase de trasversalidade de xénero e se recoñecese, polo menos no papel, a diversidade das mulleres. Un cuarto de século no que viu a luz o primeiro Manifesto de Mulleres e Nenas con Discapacidade de Europa, impulsado en 1997 polo Comité de Mulleres do Foro Europeo da Discapacidade, así como a súa secuela, o segundo Manifesto en 2011, máis maduro e reflexivo. Vinte e cinco anos no que o movemento social da discapacidade a nivel mundial alcanzou a conquista histórica de ver recoñecidos os seus dereitos a través dun tratado internacional no sistema de Nacións Unidas, unha conquista que se conseguiu grazas ás reivindicacións dunha base social crítica e activa, formada por mulleres e homes con discapacidade de todo o mundo.

 

Todo isto sucedeu, ademais, nun período no que se produciu unha importante eclosión de organizacións de mulleres con discapacidade que loitaban polos seus dereitos como mulleres, poñendo o acento nese artigo 6 da Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade que tanto custou introducir no texto definitivo, e ao mesmo tempo, tomando como referencia ineludible a Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller. Vinte e cinco anos nos que por vez primeira unha muller con discapacidade conseguiu chegar a formar parte do Comité CEDAW, enarborando o seu firme compromiso de non deixar atrás a ningunha muller nin nena deste planeta.

 

Tamén foron anos nos que viamos como se aprobaban no noso país leis crave para o recoñecemento dos dereitos das mulleres con discapacidade como a Lei 39/2006, do 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia, a Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero ou a Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, concretando así en forma de dereitos as nosas reivindicacións, aínda que con desigual éxito na súa aplicación.

 

Continuamos o camiño ata que en datas ben recentes concretáronse outros avances cun evidente impacto nas mulleres do noso sector, tales como a adopción da Lei Orgánica 2/2018, do 5 de decembro, que modificou o Réxime Electoral Xeneral para garantir o dereito de sufraxio de todas as persoas con discapacidade, a Lei Orgánica 2/2020, do 16 de decembro, de modificación do Código penal para a erradicación da esterilización forzada ou non consentida de persoas con discapacidade incapacitadas xudicialmente, así como a Lei 8/2021, do 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica.

 

Pero, reiteramos, queda aínda moito camiño por percorrer. E é que convén ter presente que, segundo datos do XII Informe Anual do Observatorio Estatal de Violencia sobre a Muller 2018 publicado recentemente polo Ministerio de Igualdade, o 20% das mulleres que foron asasinadas polas súas parellas e/ou ex parellas no noso país durante ese ano tiñan algún tipo de discapacidade.

 

Esta realidade tan preocupante choca frontalmente coa inexistencia dunha política pública en materia de violencia contra as mulleres que tome seriamente en consideración a nosa situación específica. Nin os recursos nin os servizos de atención neste ámbito son plenamente accesibles nin inclusivos. Tampouco as e os profesionais especializados contan cunha formación idónea para dar resposta a esta realidade nin se estableceron protocolos de actuación adecuados que permitan unha abordaxe integral. A isto hai que engadir os innumerables obstáculos que temos que salvar á hora de denunciar a violencia da que somos obxecto, así como a falta de credibilidade que como denunciantes e testemuñas temos, sen esquecer as barreiras de todo tipo que nos impiden acceder á xustiza en igualdade de condicións.

 

Non esquecemos tampouco que na última década máis de 1.000 persoas, sobre todo mulleres con discapacidade, foron esterilizadas contra a súa vontade en España ao amparo de art. 156.2 do Código penal, xa derrogado. E aínda que esta práctica nociva, inhumana e degradante foi desterrada do noso ordenamento xurídico, con todo, inquiétanos enormemente que poida seguir perpetrándose contra o corpo das nosas mulleres por outras vías, aínda máis ocultas e invisibles e, polo tanto, máis difíciles de controlar. Tamén nos preocupan as secuelas de toda índole que estas esterilizacións forzadas puideran producir na vida das mulleres con discapacidade. E é que os nosos dereitos sexuais e reprodutivos continúan sendo un terreo vedado onde se aplican férreos controis sobre o pracer dos nosos corpos e sobre a nosa fertilidade, anulándonos como mulleres.

 

A estas formas de violencia hai que sumar a sistemática violencia económica á que nos vemos sometidas como traballadoras en precario, cunha taxa de actividade que rolda o 34%, é dicir, 42 puntos porcentuais menos que a poboación sen discapacidade e cun salario bruto anual 5.500 euros inferior que ao dunha persoa sen discapacidade. A nosa taxa de paro é do 22,4%, ou o que é o mesmo, sete puntos superior á da poboación sen discapacidade. Esta situación abócanos directamente á pobreza e á exclusión social sen paliativos e invisibiliza, á súa vez, a inxente tarefa que nós tamén realizamos no ámbito do reprodutivo, nesa esfera non monetizada na que non somos meras receptoras de coidados, senón que tamén os provemos.

 

Isto é só unha mostra de que, aínda que nestes vinte e cinco anos de mobilización social avanzamos moito na conquista de dereitos e que estes cambios normativos foron tamén da man dunha profunda transformación da sociedade española, con todo, o día a día mostra que a nosa cidadanía segue sendo subalterna, polo que nun día como hoxe, unha vez máis, ESIXIMOS:

 

  • Que se poñan en marcha todas as medidas contidas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, garantindo a súa adecuada dotación orzamentaria a fin de asegurar unha política pública de detección, asistencia, axuda e protección plenamente accesible e inclusiva que teña en conta ás mulleres con discapacidade vítimas da violencia de xénero e aos seus fillos e fillas. Neste punto reivindicamos de maneira especial a figura da asistencia persoal e a posta ao dispor de servizos de logopedia, xa que, en caso contrario as mulleres con discapacidade e grandes necesidades de apoio non terán oportunidades reais para a acceder á xustiza nin   para romper o círculo  vicioso da exclusión.

 

  • Que se garanta a equidade no acceso aos servizos de saúde, incluídos os servizos de saúde sexual e reprodutiva, ás mulleres e nenas con discapacidade, sen esquecer ás sobreviventes de violencia de todo tipo, incluídas as mulleres con discapacidade que foron  esterilizadas contra a súa vontade.

 

  • Que se arbitren medidas de reparación integral dirixidas ás mulleres con discapacidade esterilizadas forzadamente no pasado e no presente para resarcir o dano ocasionado por estas prácticas contrarias aos dereitos humanos.

 

  • Que se deseñen e apliquen políticas públicas de emprego que teñan presente a igualdade das mulleres por razón de xénero e discapacidade nun enfoque de dobre vía. Todas as políticas e programas de fomento do emprego e a formación profesional deben tomar en consideración a situación específica das mulleres con discapacidade, e especialmente daquelas que presentas grandes necesidades de apoio, así como a súa discriminación múltiple como consecuencia da interseccionalidade doutros factores, como a idade, a orientación sexual, a ruralidade, a inmigración, as minorías étnicas, o ser vítima de violencia de xénero, estar en risco de pobreza...

 

  • Que nas novas políticas sobre coidados se destaque a dimensión de empoderamento que estas políticas implican, dando visibilidade e contabilizando todas as contribucións non monetizadas que nós, as mulleres con discapacidade, levamos a cabo no ámbito da reprodución da vida e que son esenciais para que o sistema económico, tal cal está concibido na actualidade, siga funcionando.

 

  • Que, ao fío do anterior, se amplíen os permisos retribuídos por coidado de fillas e fillos, sobre todo tras o nacemento, e se concedan por coidado de persoas en situación de dependencia. Así mesmo, reclamamos axudas económicas directas por coidados (prestación universal por menor a cargo) e que se articulen fórmulas que permitan a conciliación, contando tamén coas tarefas de autocoidado da saúde, por razón de discapacidade. Só así se realiza unha verdadeira aposta por eliminar o empobrecemento e a exclusión das mulleres con discapacidade, especialmente se son ou desexan ser nais.

 

  • Que se poñan en marcha políticas eficaces de promoción da autonomía persoal e de atención ás persoas en situación de dependencia que fagan especial incidencia na desinstitucionalización de mulleres e homes con discapacidade, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia impulsando así unha política de coidados concibida desde un enfoque de dereitos humanos, anticapacitista e verdadeiramente feminista.

 

 

POR NÓS, POLOS NOSOS DEREITOS,

POR TODAS AS MULLERES!

 

 

Categorías: Discapacidade
Compartir en:

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar su experiencia y nuestros servicios, así como mostrarle, desde nuestro sitio web o los de terceros, publicidad basada en el análisis de sus hábitos de navegación. Si pulsa en aceptar, consideramos que admite su uso.
Puede obtener más información en nuestra Política de Cookies.

Aceptar todas Configurar Cookies Más información