Manifesto Chámalle X

31/03/2023

Manifesto feito público polas entidades agrupadas en Cermi-Galicia, EAPN-Galicia e Plataforma de organizacións de infancia-Galiciano no acto celebrado na Praza da Quintana para presentar a campaña "Chámalle X".

Hoxe, 31 de marzo, as federacións e redes que representamos ao Terceiro Sector galego na loita contra a pobreza e a exclusión social queremos facer unha chamada á sociedade para que, na súa Declaración da Renda marque o recadro do X Solidario, de Actividades de Interese Social.

Máis que nunca, é necesario contribuír ao funcionamento das entidades que defendemos os dereitos da cidadanía. Somos un servizo esencial que está na primeira liña loitando contra os efectos provocados trala pandemia polo COVID-19 e da crise económica e social actual da inflación e a guerra de Ucraína, e que o seguirá a facer cando esta remate.

Como sabedes, cada ano a Administración permite que os e as contribuíntes decidan o destino do 0,7% dos impostos que se recadan mediante o IRPF. Cando alguén fai a declaración da renda ten CATRO alternativas:

  • Marcar o recadro de ‘fins sociais’ (“Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”) e destinar o 0’7% dos seus impostos para que as entidades de carácter social poidan realizar proxectos coas persoas que máis o precisen.
  • Marcar os dous recadros: ‘Fins sociais’ e ‘Igrexa Católica’ e destinar deste xeito, o 0’7% dos teus impostos a cada un, é dicir un 1’4%.
  • Marcar só o recadro da ‘Igrexa Católica’.
  • Non marcar ningún recadro e que sexa o Estado quen decide o que se fai con ese 0’7%.

Decidir o que queremos que se faga cos nosos impostos é un dereito que non todo o mundo pon en práctica. O noso obxectivo é que a xente marque o recadro e decida.

Marcando o X Solidario, o recadro de ‘Fins Sociais’, NIN pagamos máis NIN imos recibir menos cartos no caso das devolucións e podemos contribuír á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.

Porque marcando o cadro de fins sociais loitamos para cambiar a situación de miles de persoas, máis de 13 millóns de persoas viven en risco de pobreza a nivel estatal, 678.000 en Galicia. 237.769 destas en pobreza severa.

Sen a axuda das ONG moitas persoas non poderían saír adiante ou ter unha vida digna. Persoas maiores, con discapacidade, enfermas de cancro, mulleres vítimas de violencia machista, xente moza, nenos e nenas...

Grazas ao X Solidario, no 2022 máis de 140 organizacións de acción social de toda Galicia levaron a cabo 607 proxectos que beneficiaron de xeito directo a un mínimo de 182.904 persoas.

No 2022 conseguimos que un 54,49% dos contribuíntes galegos e galegas, un
marcaran o recadro do X Solidario, 6.785 mais que no ano anterior. Recadáronse
21.391.293 de euros, 1.755.980 euros mais que o ano anterior(1).

A estas persoas nos diriximos especialmente para lembrarlles que:
✓ Marcar o X Solidario non custa nada. Nin pagas máis, nin che devolverán menos.
✓ Se xa marcas a casiña da Igrexa, marcando tamén a de ‘Actividades de Interese Social’, poderás axudar o dobre.

Ti decides que o 0,7% dos impostos se destine integramente a programas desenvoltos polas ONG, coa máxima transparencia na súa xestión a través das diferentes convocatorias da Xunta de Galicia: Política Social, Igualdade e Sanidade. A Xunta de Galicia lle reclamamos unha vez mais que reduza a burocracia o máximo posible e unifique todas as convocatorias nunha soa.

Grazas de novo á cidadanía galega por sumarse a esta emerxencia solidaria e garantir que, coa súa axuda, poidamos seguir avanzando.

------------------


(1) Concretamente, no 2022, 750.867 contribuíntes marcaron o recadro do X Solidario, 6.785 mais que no ano anterior. Recadáronse 21.391.293 €, 1.755.980€ mais que no 2021. Se os 627.161 galegos e galegas que non o fixeron marcaran o X Solidario, teríanse recadados no 2022 13.635.767 mais. Un total de 35.027.060€.

 

Categorías: Terceiro sector
Tags: X Solidaria

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información