• servizos sarela 795x180

Noticias

Aberta ata o 30 de abril a exposición "Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido"

Aberta ata o 30 de abril a exposición "Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido"

Na tarde do 20 de marzo, Día da Felicidade, FEGADACE e as súas asociacións fixeron público o seu proxecto 'Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido'. Trátase dunha curtametraxe, que se pode ver na canle da Federación en Youtube, e dunha mostra fotográfica que estará nos muros da sala Campus Stellae (Praza da Quintana, 3), en Compostela, ata o 30 de abril.



O acto de inauguración comezaba ás 19:00 coa intervención do presidente de FEGADACE, Luciano Fernández, que agradeceu a presenza do autor das imaxes, Aigi Boga; dos creadores do vídeo, Edición Rusa; dos representantes institucionais, Concha Fernández (concelleira de Servizos Sociais) e Martiño Noriega (alcalde da cidade); das persoas representantes de todos os grupos políticos municipais; do presidente do CERMI Galicia, Iker Sertucha; da ampla representación de Sarela e, en xeral, da totalidade de persoas asistentes.



Luciano Fernández tamén lembrou ás entidades que respaldaron este proxecto, cuxos representantes causaron baixa a última hora para o acto: a Deputación da Coruña, que subvencionou a creación da curta e das fotografías, e a Obra Social La Caixa, que apoia o ciclo de exposicións.



O presidente de FEGADACE introduciu a inauguración explicando a vontade das asociacións de dano cerebral de amosar como é o día a día das persoas con esta discapacidade, para demostrar que a súa chegada non é máis que un "punto e seguido" para unha nova vida, que merece ser vivida, como di o lema do movemento asociativo, "con dignidade".



Intervencións e apoios

Esta intervención deu paso á de Mar Caamaño, vogal de Sarela, a Asociación de Dano Cerebral de Compostela, que saudou ás persoas asistentes e presentou a Marco Pérez, un dos protagonistas da curtametraxe, explicando que encarna a traxectoria das persoas con DCA ao ter pasado polo centro da asociación como usuario, ser dado de alta, e agora colaborar como voluntario da entidade. Este realizou unha emotiva intervención sobre a súa experiencia co dano cerebral que deu paso á estrea do vídeo.



Trala proxección produciuse a intervención do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, que se solidarizou coa experiencia que atravesan as familias con dano cerebral e expresou o apoio da institución que preside á reclamación de máis recursos e continuidade asistencial para as persoas con esta discapacidade.



O momento máis divertido da tarde tivo lugar cando as persoas asistentes foron convidadas a saír á praza da Quintana para lanzar dous globos de papel, nos que previamente se escribiron mensaxes solidarias coas persoas con dano cerebral.



O acto finalizou coa intervención do fotógrafo, Aigi Boga, que comentou a súa experiencia nas cinco asociacións de FEGADACE salientando a importancia persoal de ter entrado en contacto cun mundo que descoñecía. O artista subliñou o impacto que lle causou ter realizado esta colección de imaxes, e animou ás persoas asistentes a reflexionar sobre as súas prioridades vitais, valorando a importancia de algo que sociedade tende a dar por sentando: a autonomía persoal.



Mostra aberta ata o 30 de abril

'Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido' poderá visitarse ata o 30 de abril, de 9:00 a 20:00 na sala Campus Stellae. A continuación iniciará un percorrido que a levará, ao longo de 2018, ás cidades da Coruña, Ourense, Vigo e Lugo. Proximamente iranse anunciando as datas e salas nas que se poderá visitar.

 

(Texto e imaxe de FEGADACE)

 

Categorías: FEGADACE

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.