"Agora estou ao que saia, e a seguir aprendendo"

20/06/2014

Carlos está facendo prácticas de axudante de cociña na empresa Airas Catering.

"Seguir aprendendo" para mellorar a súa formación e ter a posibilidade de acceder a un posto de traballo é o principal obxectivo de Carlos, o primeiro usuario do convenio de prácticas que Sarela asinou coa empresa Airas Catering hai agora un mes.
 
Carlos leva desde o 20 de xuño traballando, en réxime de prácticas, como axudante de cociña. As súas tarefas van desde clasificar os alimentos ou os pratos xa preparados a picar, dorar, fritir, e outros labores propios da cociña. Di que mellorou a súa capacidade de traballo, "ou iso din os meus compañeiros", dos que agradece que lle proporcionan axuda "antes de pedila". 
 
"Cheguei a Sarela o ano pasado" por recomendación da súa neuróloga, cando o dano cerebral adquirido se presentou na súa vida. Pasou a formar parte do proxecto Construíndo Futuro, concibido para mellorar as capacidades e favorecer a inclusión social e laboral dos mozos e mozas con dano cerebral, e está a ser o primeiro en beneficiarse do convenio de prácticas con Airas Catering.
 
O acceso ao traballo é un dereito que non sempre pode exercerse. As persoas con discapacidade non "compiten" en igualdade de condicións no mercado laboral, e a función de Sarela, a través deste programa, é reforzar as capacidades das persoas con dano cerebral para axudar a igualar as súas condicións de acceso. "Adáptome, pero cústame vir", sinala Carlos. E continúa insistindo no agradecemento aos seus compañeiros, que son "xeniais". Di que lle axudan a igualar o seu nivel de competencia co resto de empregados e empregadas: "estamos traballando e avísanme para que faga as cousas mellor ou máis rápido".
 
Carlos di que lle gustaría continuar "desenvolvendo nun posto de traballo" as capacidades que está adquirindo como axudante de cociña. No futuro vese de pinche, de camareiro, de masaxista... Oficios nos que ten experiencia ou formación. É técnico superior de actividades físicas e deportivas, de sistemas informáticos e de desenvolvemento de aplicacións informáticas.
 
Tamén ten traballado como disc jockey. A música é a súa gran paixón, e toca varios instrumentos. Esta afección sérvelle para colaborar con Sarela como técnico de son na obra de teatro que a asociación estrea o día 27 de xuño.
 
A súa perspectiva agora é continuar coas prácticas en Airas Catering ata finais de xullo, perfeccionando os seus coñecementos de axudante de cociña para poder engadir esta experiencia laboral no seu currículo, para "atopar un traballo xa, e que saia ben".
 
    Prácticas en Airas Catering
Tags: Traballo

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información