As entidades da discapacidade únense contra o copagamento

26/02/2015

O CERMI Galicia lanza unha campaña de recollida de sinaturas coa que pretende que se modifique a Lei de Dependencia.

O CERMI Galicia (Comité de Entidades Representantes de persoas con Discapacidade de Galicia) presenta en rolda de prensa a Iniciativa Lexislativa Popular “Afirma os teus dereitos, asina contra o copagamento confiscatorio" coa que pretende responderlle á Administración que está en desacordo cos criterios de copagamento na Lei de Autonomía Persoal e Dependencia.

 

Dende o CERMI Galicia lanzan unha campaña, que é de ámbito nacional, coa que se pretende recoller 500.000 sinaturas de persoas con discapacidade, maiores, familias, profesionais dos servizos sociais, voluntariado e á cidadanía en xeral, para que consignen a súa firma de apoio a esta acción.

 

Con esta Iniciativa Lexislativa Popular preténdese que exista unha exención de copagamento a quen perciba menos de 1.331 euros  (2,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples, IPREM), que se fixe unha aportación máxima por persoa que non sexa superior ao 60% do custe do servizo e tamén que se lle garanta á persoa en situación de dependencia unha cantidade para destinar a gastos persoais que non sexa inferior ao 40% da súa capacidade económica.

 

Segundo apuntou o Presidente de CERMI Galicia, Anxo Queiruga, durante a rolda de prensa, as razóns polas que as entidades da discapacidade nos unimos a esta campaña de non ao copagamento confiscatorio é porque “ o actual sistema de copagamento en Dependencia levou a millóns de persoas a unha situación extrema, onde moitas persoas en situación de dependencia foron expulsadas do sistema e impedíuselles o exercicio dos seus dereitos sociais. Temos o exemplo de que hai  comunidades autónomas nas que as persoas en situación de dependencia deben aportar hasta un 90% do custe do servizo, polo que esta situación forzou a sacar a persoas en situación de dependencia de recursos non domiciliarios, tiveron que abandonalos e volver ás súas casas, a costa da inclusión e da autonomía persoal”.

 

Outras das razóns, segundo Queiruga para apoiar esta campaña son que “entre 2009 e 2013 a media da cantidade que aportan as persoas beneficiarias do sistema de dependencia polas axudas que reciben disparouse un 68% e por primeira vez, as persoas beneficiarias aportan máis ao sistema que a Administración”.

 

Dende CERMI Galicia piden unha solución que lle vén demandada por cidadáns e cidadás prexudicados coa actual norma de copagamento. E esta solución pasa por unha aplicación máis xusta e realista da Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia con criterios de copagamento claros e equitativos; que a vida dunha persoa non dependa de onde resida, e ninguén quede fóra do sistema por non dispoñer de recursos; a modificación legal que expón o CERMI é unha necesidade para non baleirar de dereitos unha Lei que costou moito esforzo conseguir.

 

Para CERMI, esta reivindicación que apoia non só a sociedade senón profesionais, persoas expertas e analistas, trata dereitos de todas e todos xa que ninguén queda exento da posibilidade de verse en situación de dependencia algunha vez, polo que, segundo Anxo Queiruga “facemos un chamamento a toda a cidadanía para que actúe e afiance os seus dereitos asinando Non ao copagamento confiscatorio”.

 

Por último, a través desta campaña preténdese que toda a sociedade se comprometa coas persoas que peor están, non trata de conquistar novos dereitos, senón de non retroceder en dereitos xa adquiridos e trátase de cumprir a Constitución e que todas as persoas en situación de dependencia sexan consideradas iguais polo sistema á marxe do territorio no que naceran.

 

As persoas que estean interesadas en asinar a LIP, poden facelo contactando con calquera das entidades que forman parte do CERMI Galicia e tamén a través do enderezo electrónico https://www.mifirma.com/proposals/52

 

CERMI Galicia

 

O Comité de Entidades Representantes de persoas con Discapacidade de Galicia constitúese coma unha organización con vocación autonómica, sen ánimo de lucro e coa finalidade de participar plenamente na vida social da Comunidade Autónoma Galega, para defender os dereitos das persoas con discapacidade.

 

O CERMI Galicia comeza a súa andaina na nosa comunidade no ano 1999. Coa misión facer valer, dentro da circunscrición autónoma, a diversidade do colectivo que representa, e velar polo mantemento das melloras conseguidas, así como contribuír á xeneralización das realidades positivas logradas.

 

CERMI Galicia, que representa a 235.000 galegas e galegos con discapacidade, está formada por estas entidades:

 

  • COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade)
  • FADEMGA FEAPS GALICIA (Federación de Asociacións a favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia)
  • FAXPG (Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia)
  • ONCE (Organización Nacional de Cegos de España en Galicia)
  • FEAFES GALICIA (Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia)
  • DOWN GALICIA (Federación Galega de Institucións para a Síndrome de Down)
  • AUTISMO GALICIA (Federación de Entidades e Organizacións Protectoras de Persoas con Autismo de Galicia)
  • FEGADACE (Federación Galega de Dano Cerebral)
  • FAGAL (Federación de asociacións Galegas de enfermos de Alzheimer e outras Demencias)
  • ASPACE GALICIA (Federación Galega de Asociacións de Atención á Parálise Cerebral)

 

Información e imaxe extraídas da páxina web de FEGADACE.

 

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información