Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
O Concello de Lalín e a Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela asinaron hai 10 meses o convenio de colaboración para a posta en marcha dun punto de información especializado en Dano Cerebral e a realización de actividades de sensibilización e información dirixida á poboación e centros educativos.
Sarela valora positivamente este acordo que serviu para chegar directamente ás familias de Lalín e desenvolver accións de sensibilización e información sobre esta discapacidade. Nestes 10 meses un total de 6 familias foron atendidas no punto de información que, situado no Lalín Arena, é atendido por unha traballadora social de Sarela o último mércores de cada mes entre as 10:30 e as 13:30. As familias que foron atendidas en Lalín recibiron información e orientación sobre como abordar a nova situación tralo DCA e as profesionais de Sarela valoraron as súas necesidades de atención.
No punto de información de Lalín tamén houbo un traballo de coordinación con profesionais municipais e de distintos recursos sociosanitarios do concello. Durante estes meses fíxose unha coordinación continuada cos Servizos Sociais para a derivación de casos e o funcionamento do punto de información. Á vez realizou unha reunión de traballo no Centro de Saúde, na que participaron 15 profesionais, e con outras entidades do terceiro sector. A raíz desta colaboración tamén se mantivo un encontro para a coordinación dos servizos de orientación laboral do Concello e de Sarela.
En base ao convenio co Concello de Lalín Sarela tamén realizou actividades de sensibilización e información. Ademais do reparto de carteis, guías de familia e trípticos da entidade (como por exemplo no centro de saúde e nas farmacias do concello) Sarela desenvolveu dúas actividades de sensibilización (no Concilia Lalín e no Campamento urbano de verán) nos que participaron 48 nenos e nenas.
O Concello de Lalín tamén colabora no coñecemento do Dano Cerebral e de Sarela grazas á colaboración mensual mantida desde xaneiro en Radio Lalín con entrevistas, o último mércores de mes, nas que profesionais da entidade falaron de aspectos relacionados co DCA como son as súas causas, secuelas, consellos para as familias etc.
Mesa informativa no Centro de Saúde de Lalín con motivo do Día do Dano Cerebral o 26 de outubro.