Cambio no perfil das persoas con DCA

15/03/2016

Nos últimos trinta anos mudaron as causas e o a idade das persoas con dano cerebral adquirido

- A finais dos anos 80 a poboación nova era a máis afectada debido aos accidentes de tráfico.

- Hoxe o 65% son maiores de 65 anos e o ictus é a causa no 78% dos casos.

- A maior parte das mulleres maiores non solicitan valoración para a obtención do certificado de discapacidade.

 

Durante o ano 2015 celebrouse o vinte aniversario da Federación Española de Daño Cerebral (FEDACE). Ao longo dos tres Encontros DCA celebrados por este motivo, puxéronse en contraste os primeiros pasos do movemento asociativo do dano cerebral fronte á situación actual do colectivo de familiares e persoas con DCA. Un dos elementos diferenciadores máis comentados polos ponentes, en especial polas persoas que participan do labor diario nas asociacións de DCA, foi a evolución do perfil de persoa con dano cerebral.

 

Mentres a finais dos anos 80 predominaba na contorna asociativa unha poboación nova, con DCA causado por traumatismo cranioencefálico en accidente de tráfico, hoxe en día o 65% das persoas con dano cerebral teñen máis de 65 anos e o ictus consolidouse, con diferenza (78% dos casos), como a primeira causa de Dano Cerebral Adquirido, aumentando tamén este colectivo na contorna das asociacións.



Hai distintos motivos para este avance. En primeiro lugar, creceron o número de asociacións e persoas implicadas na mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral, así como aumentaron os casos de DCA. Precisamente, os casos que máis aumentaron foron os provocados por ictus, debido a que se ampliou a nosa esperanza de vida e aos avances médicos que nos salvan en situacións de urxencia.

 

Doutra banda, tanto a modernización do parque automobilístico como as políticas de prevención de accidentes de tráfico facilitaron que estes diminuíran nos últimos 20 anos. Estímase que o 70% dos casos de dano cerebral por TCE prodúcense en accidentes de tráfico, así que non é de estrañar que, ao diminuíren, se reducira a incidencia do dano cerebral por esta causa ata o 22% dos casos que, ademais, inclúe outras orixes como os tumores cerebrais ou as anoxias (falta de osíxeno).



Estas percepcións referendáronse co relatorio -no Día do Dano Cerebral- de Agustín Huete, un dos investigadores de Intersocial que elaborou e presentou para FEDACE e o Real Patronato da Discapacidade o informe 'As persoas con Dano Cerebral Adquirido en España'. O informe estableceu a incidencia anual do DCA 104.701 casos; dos cales 99.284 producíronse por ictus; coincidindo que o 78% da poboación tiña máis de 65 anos. No entanto, convén recordar que o ictus tamén alcanza a persoas máis novas, en especial se non se toman medidas de prevención como unha boa alimentación, practicar actividade física de forma regular e evitar o consumo de alcohol e tabaco. Entre 2010 e 2012 producíronse 65.510 altas de persoas con DCA por ictus menores de 64 anos.



O reto da atención ás persoas maiores

 

O colectivo de persoas maiores con dano cerebral é outro reto sociosanitario do século XXI. Malia ter as mesmas necesidades que calquera outra franxa de idade do dano cerebral, teñen dificultades para atopar un espazo de atención adecuado ás súas características, que valoren as súas necesidades máis aló das circunstancias da idade. En particular, detectouse que a maior parte das mulleres maiores con dano cerebral non solicitaron valoración para o seu certificado de discapacidade, o que implica unha falta de apoios para poder adaptarse á nova situación trala lesión. Por suposto, isto relaciónase tamén coas políticas de prevención para maiores; tanto de caídas como de accidentes vasculares; que requiren traballar na liña de promover un envellecemento activo a nivel físico e mental.

*Información extraída das páxinas web de FEDACE e FEGADACE

 

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información