Capacitados para o sexo

25/03/2014

Voluntarios eróticos apoian a discapacitados que reclaman que non os traten como asexuados.

Francesc Granja (na imaxe) recibe na cama pulsando un mando que abre a porta da súa casa. Vive nun luminoso piso da Vila Olímpica de Barcelona adaptado á tetraplexia que lle causou un accidente de coche fai 20 anos, cando regresaba dunha reunión. Adoita desprazarse en cadeira de rodas, pero hoxe unhas chagas retéñeno. Ao seu lado están María Clemente, psicóloga especializada en neurorehabilitación, e Eva, asistente sexual, dúas patas fundamentais de Tandem Team, a asociación sen ánimo de lucro que preside Granja, dedicada á asistencia sexual de discapacitados mediante voluntarios.
 
Os tres seguen un debate que se xerou espontaneamente en torno a outros dous visitantes na habitación de Francesc. Hai que ter coidado con non namorar? Conversan Felipe e Lau (ambos, nomes ficticios). Felipe sofre unha paraplexia de terceira e cuarta vértebra. Lau é a asistente que coñeceu por medio de Tandem, e defende con paixón que os encontros deben ser sinceros, nunca unha ficción sentimental:
 
-Teño parella, pero no intre que estou cun usuario convértese no home da miña vida.
 
-É que non hai que ir con medo -asente Felipe-. Podes namorar porque estás moi necesitado, pero tamén da panadeira ou de calquera que te trate ben. Aquí sabemos os dous en que andamos.
 
-Pero hai que entregarse, porque é unha cuestión de amor, que para min é o fundamental.
 
-En todo caso -media María- se detectamos a persoas dependentes psicoloxicamente aconsellámoslles non recorrer a un asistente porque poden saír feridos.
 
Lau, de 38 anos, estudou enfermería e veterinaria. Imparte obradoiros de tantra e, cando unha amiga lle falou de Francesc e do seu proxecto, exclamou: "Iso é para min". O seu perfil encaixaba co do asistente que busca a asociación: experiencia sociosanitaria, sen motivacións económicas, unha concepción da sexualidade non só genital... Entrevistárona sobre os límites que se fixaba respecto de prácticas sexuais e familias de discapacidades -algúns asistentes establécenos nas amputacións, determinadas complicacións hixiénicas ou trazos físicos impactantes, como os da acondroplasia (enanismo)- e respondeu que ningún, que dependería do momento e a persoa, "como en calquera relación".
 
Uns días despois, Felipe e Lau víronse para tomar un café. Caéronse ben e citáronse para un encontro máis íntimo. Felipe, de 42 anos, tivera desde que está en cadeira de rodas unha relación, pero non funcionou, e outra vez deitouse cunha prostituta: "A moza ía con contador, e iso para alguén cos meus problemas non funciona". A súa experiencia con Lau reviviuno: "Recordas sentimentos que crías mortos".
 
El é un dos 45 usuarios da asociación, constituída en outubro de 2013. Igual que teñen máis demanda masculina, tamén se ofrecen máis voluntarios varóns, aínda que, tras descartar ao 50%, os 15 cos que están traballando gardan un equilibrio entre homes e mulleres. Ademais, traballan con diferentes tendencias sexuais. "Precisamente co primeiro usuario levamos unha sorpresa", sorrí Francesc.
 
Tandem non cobra por poñer en contacto a asistentes e usuarios, e recomenda que, no caso de que medie unha compensación entre eles, non pase os 75 euros. "Adoita ser duns 50, porque hai que desprazarse a casa do usuario, aparcar, comer fóra...", explica Eva. "Pero moitas veces non cobramos: non é a motivación". A asociación mantense de momento coas achegas de Francesc (que é profesor de ESADE e recibe unha pensión) e o traballo voluntario de María. "Aspiramos a un mínimo de ingresos para manter a estrutura", explican.
 
A iniciativa xerou expectación no colectivo. "Aos discapacitados consideróusenos anxiños asexuados, pero non é así", di Francesc. Fai moito que existen asistentes e prostitutas que traballan o campo, pero ás agachadas. Mentres, en Europa o debate foise facendo público. O país que máis lonxe chegou en reglamentación é Suíza, aínda que cun modelo que moitos consideran intervencionista, con encontros mensuais e asistentes certificados cun diploma universitario. Bélxica, onde opera a asociación que Tandem toma como modelo, móvese nunha alegalidade moi comprensiva. Dunha forma ou outra, en Dinamarca, Suecia, Holanda e Alemania a asistencia practícase. E en Francia, pese a que o ano pasado un Comité Nacional de Ética aconsellou ao Goberno que non a legalizase, a controversia continúa, grazas en parte ao éxito da película Intocable.
 
"Hai distintos modelos", explican Esther Sánchez e María Honrubia, "pero o fundamental é revelar que o problema existe". Sánchez, enfermeira e máster en Sexoloxía, e Honrubia, psicóloga, presiden a Asociación Nacional de Saúde Sexual e Discapacidade (Anssyd), que o 14 de marzo organizou xunto a outra asociación (Sex Asistent) o primeiro curso en España de acompañamento e asistencia sexual. Custaba 100 euros e dirixíase a "interesados en formarse e exercer un labor profesional en relación coa asistencia sexual". Tivo 15 inscritos, desde fisioterapeutas a profesionais do sexo. "A formación é moi práctica, aclarando en que consiste un servizo: que se poden atopar cunha persoa que leva un colector, con problemas mentais, como reaccionar ante unha subida de tensión...", conta Sánchez.
 
Por motivos de confidencialidade, Anssyd non accedeu a que El País asistise ás clases. A asociación recoñece que o curso pode resultar controvertido. "Hai un baleiro legal respecto ao asistente e a súa proximidade á prostitución. Pero no 50% dos casos non hai coito. Moitos usuarios queren ver un corpo espido ou acariñalo. Iso é unha experiencia alucinante. Ata hai discapacitados cognitivos que só queren afecto físico; e, por lei, iso non llo pode dar un cuidador normal", explica Honrubia.
 
O camiño ata estas xornadas foi duro. "Levamos 25 anos como docentes", contan, "e só agora se nos empeza a recoñecer". Durante dúas décadas as dúas profesionais soportaron o receo de colegas que non crían no obxecto das súas investigacións. Pero nestes anos fraguáronse a Convención dos Dereitos das Persoas con Discapacidade (ONU, 2006) ou a Lei Orgánica de Saúde Sexual e Reproductiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo de 2010 (a reducida popularmente a lei do aborto de Zapatero), que establecía a necesidade de formar a profesionais e deu pábulo á proliferación de asociacións polos dereitos sexuais dos discapacitados. Todas esas iniciativas foron varridas pola crise.
 
"Existe un mito segundo o cal se falas da sexualidade, espértala", conta Sánchez. "Pero o desexo está aí, silenciado. Non imaxinas canto sufrimento hai escondido". Non esaxeran: persoas que non quixeron que se publiquen os seus nomes narran historias duras: 20 anos dun matrimonio sen sexo que se mantén polos fillos, pais que masturban a enfermos mentais...
 
Non parece que de momento se vaian atopar solucións sinxelas a estas barreiras. As primeiras viven nos bordos da lei. Nun piso de Barcelona Lau despídese con bicos e abrazos de Felipe.
 
*Información e imaxes extraídas de El País.
 
    Tandem Team
Categorías: Discapacidade

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información