Mesa informativa no Hospital Clínico de Santiago

Celebramos o Día do Ictus con puntos de información en Santiago, Ribeira, A Estrada e Arzúa.

30/10/2019

Sarela celebrou onte, 29 de outubro, o Día Mundial do Ictus centrándose na información e sensibilización sobre a que é primeira causa de dano cerebral. O Hospital Clínico de Santiago, o Hospital da Barbanza (Ribeira) e os centros de saúde da Estrada e Arzúa acolleron senllas mesas informativas que foron atendidas por persoas socias e profesionais de Sarela. O ictus é a causa de case o 80% dos casos de dano cerebral en España, á súa vez primeira causa de discapacidade e dependencia.

Segundo a Sociedade Española de Neuroloxía (SEN) cada ano unhas 120.000 persoas en España sofren un ictus e supón a primeira causa de mortes en mulleres e segunda en homes. A SEN tamén destaca que é a primeira causa de discapacidade, en forma de Dano Cerebral Adquirido, en persoas adultas. Unha de cada seis persoas sufrirá un ictus, das cales un 50% quedará con secuelas discapacitantes ou morrerá. Cada ano falecen por esta causa 27.000 persoas.

 

Estes son só algúns datos da incidencia do ictus na nosa sociedade, unha patoloxía que debido á maior esperanza de vida irá medrando nos vindeiros anos. A pesar diso, desde a SEN insístese tamén en que non debemos pensar que é unha enfermidade asociada á idade posto que hai casos en todas as idades e nos últimos anos aumentou nun 25% os que se producen en idades comprendidas entre os 20 e 64 anos.

Nas mesas informativas que Sarela despregou na área sanitaria con motivo do Día do Ictus, fíxose moito fincapé na importancia de coñecer os síntomas que poden indicar que estamos, ou outra persoas está a padecer un ictus, e os consellos de prevención vinculados á unha vida máis saudable.

 

Na mesa informativa do CHUS contamos coa colaboración de persoal sanitario do centro para realizar controis de tensión e glucosa ás persoas que se interesaban. Tamén estiveron con nós a xerente da área sanitaria compostelá Eloína Núñez, a subdirectora de calidade asistencial, humanización e atención á cidadanía, Beatriz Pais, o xefe de servizo de Neuroloxía José María Prieto, e Manuel Rodríguez-Yáñez, Susana Arias e Rosa Romero, da Unidade de Ictus.

 

O Hospital Clínico Universitario de Santiago é un dos centros de atención ao ictus de Galicia, e foi o primeiro en contar cunha unidade específica para esta patoloxía. Foi tamén pioneiro en ter unha unidade de atención as 24 horas e é líder no tratamento e investigación do ictus en Galicia.

Segundo datos do propio hospital, no ano 2018, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago ingresaron 558 pacientes con ictus (458 con ictus isquémico, 60 con hemorraxias cerebrais e 40 con AIT (ataque isquémico transitorio)).

 

 

 

 

Categorías: Ictus

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información