O CERMI ve falta de vontade para a asunción dos mandatos da ONU

28/04/2014

Reunión do Comité de Apoio do CERMI para a Convención dos Dereitos das Persoas con Discapacidade.

O Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) constata falta de vontade política nos poderes públicos españois para asumir con intensidade e celeridade os mandatos da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, asinada e ratificada por España.

Así se evidenciou na sétima reunión do Comité de Apoio do CERMI para o seguimento da Convención en España, na que se avaliaron os avances e aquelas cuestións que aínda quedan pendentes para o adecuado cumprimento da Convención por parte do noso país.

O Comité de Apoio, formado por instancias independentes de todos os sectores sociais con interese nos dereitos humanos, analizou as implicacións dalgúns dos procesos lexislativos en curso respecto do seu impacto sobre os dereitos fundamentais das persoas con discapacidade.

Neste sentido, a Delegada de Dereitos Humanos do CERMI, Ana Sastre, referiuse ao proxecto de reforma do Código Penal, "que podería chegar a vulnerar gravemente os dereitos e principios recollidos na Convención se "se aprobase sen modificar algúns dos seus preceptos".

Outra das cuestións avaliadas foi a recente aprobación da Observación Xeral sobre o artigo doce do Tratado internacional que afectaría directamente ao sistema de incapacitacións xudiciais vixente en España. Neste sentido o Comité de expertos de Nacións Unidas deixou claro que a limitación de dereitos por razón de discapacidade, aínda cando exista unha "presunción" de falta de capacidade mental para a toma de decisións, é incompatible co tratado internacional.

O Estado deberá garantir o apoio para o exercicio do dereito e non a sustitución nin a negación do mesmo. Expresamente faise referencia á incompatibilidade coa Convención da limitación do dereito de voto, da esterilización non consentida e dos tratamentos involuntarios. No ámbito de participación nos asuntos públicos e concretamente no da administración de xustiza, os expertos de Nacións Unidas rexeitan a obstaculización no acceso ás profesións de xuíz, ou á participación nun xurado popular por razón de discapacidade.

Este Comité apoia e asesora ao CERMI no cumprimento das competencias que asume como un dos organismos independentes do marco para a promoción e seguimento da aplicación da Convención en España.

*Información extraída da páxina web do CERMI e imaxe con licenza CC BY-SA 2.0 sacada de Wikimedia Commons.

 

Categorías: Discapacidade

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información