• servizos sarela 795x180

Noticias

Dezasete charlas nos centros socioculturais de Santiago para concienciar da dimensión social do DCA

Dezasete charlas nos centros socioculturais de Santiago para concienciar da dimensión social do DCA

Chamar a atención da dimensión social do Dano Cerebral Adquirido (DCA), incidir na importancia da prevención, explicar a importancia da atención especializada ou falar dos dereitos das persoas e familias nesta situación, son algúns dos obxectivos que ten o ciclo de charlas que, durante os meses de outubro, novembro, decembro e xaneiro, desenvolverá Sarela en 17 centros socioculturais da cidade, barrios e parroquias de Santiago. O arranque destes encontros no mes de outubro débese á celebración o próximo sábado 26 do Día do Dano Cerebral Adquirido.

 

Hoxe, o DCA é a primeira causa de discapacidade e dependencia en España. A pesares diso,  a maior parte da poboación non identifica correctamente o “dano cerebral adquirido”, realidade que cambia cando falamos das causas que o provocan (ICTUS, traumatismos cranioencefálicos, tumores cerebrais etc) xa que a maior parte da poboación ten ou coñece un caso directo no seu entorno familiar e social. Hoxe o ICTUS é a primeira causa de mortalidade en España pero tamén a de DCA.  Grazas aos avances médicos e asistenciais, cada vez máis vidas son salvadas pero moitas delas  continuarán con distintas secuelas, o DCA, e polo tanto cun alto impacto en termos de dependencia e cronicidade. Hoxe calcúlase que en Galicia unhas 35.000 persoas teñen dano cerebral.

 

 Inverter esa situación de cara a que as persoas e familias teñan a mellor atención e saiban como actuar en cada momento, é un dos obxectivos das charlas que agora organiza Sarela nos centros socioculturais da cidade. Orientadas á poboación xeral, nas charlas incidirase na prevención en función das causas; daranse pautas de coidados e recomendacións sobre trámites  en caso de que nalgún momento teñamos que enfrontarnos a esa situación; explicarase a importancia da atención especializada e dos recursos existentes; explicaranse as secuelas tan diversas que se poden derivar dun DCA e presentarase o programa de voluntariado da entidade.

 

Este ciclo de charlas forma parte do programa de información, orientación e apoio a familias que, xunto co centro de día terapéutico, o servizo de rehabilitación, orientación laboral e terapia acuática, son as pezas que configuran os servizos de Sarela.

 

Cartel charlas informativas Sarela nos centros socioculturais de Santiago

 

As datas confirmadas para estas charlas son:

 

OUTUBRO

11 | 19:00 h. | CSC da Pontepedriña

16 | 18:00 h. | CSC da Almáciga

17 | 19:00 h. | CSC de Santa Marta

22 | 19:00 h. | CSC de Vite

23 | 18:30 h. | CSC de Sar

25 | 18:00 h. | CSC da Trisca

30 | 17:00 h. | CSC das Fontiñas

31 | 18:30 h. | CSC do Romaño

 

NOVEMBRO

05 | 19:00 h. | CSC de Villestro

06 | 17:00 h. | CSC do Castiñeiriño

12 | 18:30 h. | CSC da Rocha

13 | 20:00 h. | CSC da Gracia

19 | 19:00 h. | CSC de Amio

22 | 17:30 h. | CSC de Lavacolla

26 | 19:00 h. | CSC de San Lourenzo

 

DECEMBRO

03 | 18:30 h. | CSC de Figueiras

 

XANEIRO

14 | 19:30 | CSC de Conxo

 

Categorías: Dano Cerebral Adqurido

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.