Cheo na estrea de 'Sarela en Camiño'

30/06/2014

As persoas usuarias da asociación estiveron acompañadas de María Mera e Rubén Riós.

A estrea da obra de teatro 'Sarela en Camiño', que se representou o venres no Auditorio de Galicia, rematou co público en pé nunha gran ovación aos actores e actrices de Sarela. A platea non paraba de aplaudir mentres o actor e director Rubén Riós e a actriz e presentadora María Mera, madriña de Sarela, presentaban ao elenco protagonista: as persoas usuarias da asociación de dano cerebral de Compostela.

 

'Sarela en Camiño' estreouse o venres, 27 de xuño, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Tralo discurso do presidente de Sarela, José Balboa, saíu ao escenario a madriña da asociación, María Mera, que fixo un emotivo discurso sobre o seu vínculo coas persoas con dano cerebral adquirido. O seguinte en saír a escena foi Rubén Riós, que axudou a María Mera a introducir o espectáculo teatral.

 

A obra narra as aventuras de dous peregrinos de camiño a Compostela. Pasan por Corea ou por África, acompañan a outros personaxes nos seus amores e leas, fan paradas técnicas para comer e descansar... e acaban facendo cola na Oficina do Peregrino antes da gran festa de fin de camiño.

 

A sucesión de escenas estivo salpicada de números musicais. Dous deles contaron co baile do equipo profesional de Sarela e dun grupiño de familiares coidadoras.

 

O resto de intervencións estiveron apoiadas por traballadoras e unha voluntaria da asociación, que serviron de asistentes e apuntadoras aos actores e actrices de Sarela.

 

O obradoiro de teatro é unha actividade concibida para reforzar a memoria e a concentración das persoas con dano cerebral adquirido. Ademais, as persoas usuarias de Sarela empregan a obra de teatro para demostrar as súas capacidades en público, traballando e incrementando a súa inclusión social. Aínda que Sarela leva varios anos traballando en obradoiros de teatro, este é o segundo curso que se representa en público o resultado final. O ano pasado estreouse, no mesmo espazo, a obra Sarela Televisión.

María Mera recibe un ramo de flores de Luciano Fernández

 

Ao remate da obra Rubén Riós e María Mera entrevistaron aos protagonistas de 'Sarela en Camiño', que confesaron os seus nervos ao inicio, e presentaron o conxunto do elenco. O punto final da representación foi o canto coral de 'A saia da Carolina'.

 

O secretario da asociación, Luciano Fernández, fixo entrega dunha placa de socia de honra e dun ramo de flores a María Mera, e dun detalle elaborado nos obradoiros de Sarela a Rubén Riós. Tamén se fixo un recoñecemento público da voluntaria que traballou na representación teatral e que axudou a preparar 'Sarela en Camiño' desde outubro.

 

*Fotografía: Diego Espiño

 

    Rubén Riós e María Mera 'Sarela en Camiño' 'Sarela en Camiño' 'Sarela en Camiño' 'Sarela en Camiño' 'Sarela en Camiño' 'Sarela en Camiño' 'Sarela en Camiño' 'Sarela en Camiño' 'Sarela en Camiño' 'Sarela en Camiño' 'Sarela en Camiño' María Mera e Luciano Fernández
Categorías: Sarela , Teatro
Tags: Teatro

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información