• servizos sarela 795x180

Noticias

Claves para a incorporación ao traballo tras ter un dano cerebral adquirido

Claves para a incorporación ao traballo tras ter un dano cerebral adquirido

Rocío García, directora de Sarela, no centro de imaxe durante a súa intervención nas xornadas.

Sarela participou cunha charla da súa directora, Rocío García Calvo, nas xornadas “Coidando ás persoas: regreso ao traballo tras unha baixa de longa duración” organizadas pola Xunta de Galicia, a través do ISSGA (Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia), e polo Instituto Nacional de Seguridade, Saúde e Benestar no Traballo (INSSBT), os días 12 e 13 deste mes en Santiago.

 

As xornadas buscaban afondar nunha problemática cada vez con máis incidencia. Concretamente Sarela participou nunha mesa con outras entidades con programas de axuda a persoas con baixas de longa duración na súa reincorporación ao traballo e a normalizar a súa vida. Neste sentido Sarela achegou a experiencia de traballo do Servizo de Atención Diúrna Ocupacional (SADOC), o servizo da entidade que busca a normalización sociolaboral das persoas con dano cerebral.

 

Secuelas cognitivas: principal dificultade para a volta ao traballo

 

Temos que lembrar que no caso das persoas con dano cerebral adquirido, e segundo o estudio “Dano Cerebral e inserción laboral” da Fundación Once, a aparición da lesión implica a redución á metade a taxa de actividade. É dicir, supón a saída masiva do mercado de traballo sendo a causa as secuelas do dano cerebral.

 

Neste sentido, Rocío García (psicóloga/neuropsicóloga) destacou que do amplo abano de secuelas vinculadas ao DCA son as de tipo cognitivo as que supoñen a principal dificultade na reincorporación laboral destas persoas. Estas persoas poden ter por exemplo problemas de memoria, planificación, atención etc. As secuelas cognitivas teñen unha especial relevancia porque normalmente non son tan evidentes e poden pasar desapercibidas. Unha forma de compensar esta realidade é dar unha información de calidade e a sensibilización do entorno laboral da persoa con DCA.

 

Incorporación progresiva e adaptada

 

Outra das ideas nas que incidiu a directora de Sarela é na necesidade de que o regreso ao traballo debe ser progresivo e adaptado en horarios, tarefas asignadas etc. A esixencia do posto debe adaptarse ás capacidades funcionais en cuestións relacionadas co tipo de traballo e intensidade da actividade e resolver as dificultades que se poidan presentar no relativo a problemas de motricidade, de concentración, organización, memoria etc.

 

Un sistema pouco flexible

 

Rocío García tamén incidiu na necesidade de que a administración impulse un sistema máis flexible co obxectivo de acadar unha reincorporación laboral efectiva e sostible. O mencionado estudio sobre DCA e inserción laboral destaca en relación a este asunto que “a lexislación actual non facilita a reincorporación ao emprego das persoas ás que lle sobreviu unha discapacidade.

 

Unha declaración de incapacidade total, absoluta o gran invalidez, resulta en xeral a causa de finalización da actividade laboral, a non ser que excepcionalmente se demostre unha melloría ou esperanza de melloría nas condicións funcionais do traballador, nos tres anos seguintes. Desta forma, a prestación funciona como un elemento que xera resistencia á reincorporación laboral”.

 

 

 

Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.