Continúa a campaña de prevención do ictus

25/04/2014

Cada mes nun centro de saúde de Santiago.

Sarela continúa coa campaña de información e sensibilización sobre o ictus que cada mes desenvolve nun centro sanitario de Santiago. A próxima cita vai ser o martes, día 29 de abril, no Centro de Saúde das Fontiñas (Rúa Londres, 2).
 
Persoal técnico e voluntariado compartirán este labor con persoas usuarias de Sarela que teñen dano cerebral adquirido causado por un ictus. Será de 9:30 a 12:30 horas. O obxectivo desta campaña é informar sobre os factores de risco do ictus, dar pautas para a súa prevención, e axudar a identificar os signos de alarma. 
 
Axudar a evitar que se produzan novos casos é unha das prioridades das asociacións de dano cerebral. O ictus é o causante desta discapacidade no 78% dos casos. Aínda que non se pode evitar, si é posíbel minimizar os seus factores de risco. Ademais, identificar canto antes os síntomas de alarma (dor de cabeza aguda e repentina, parálise nun só lado do corpo ou dificultades para falar ou comprender o discurso) e actuar chamando ao 112 ou ao 061 é fundamental para minimizar as secuelas do ictus, pois o seu tratamento debe aplicarse canto antes, nas primeiras horas desde que se produce.
 
Premendo aquí podedes atopar o folleto informativo -inclúe un cuestionario de coñecemento do ictus- que Sarela emprega para esta campaña (na súa versión en galego).
 
Categorías: Sarela , Prevención , Ictus
Tags: ictus

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información