Case 20.000 dependentes agardan atención en Galicia

11/02/2014

Dictame do Observatorio Estatal para a Dependencia.

Foi presentado como o "cuarto piar do Estado do Benestar" e é unha das principais vítimas da vaga de recortes sociais realizados ao abeiro da crise económica. Mentres dende o Goberno galego se di apostar pola "aplicación efectiva" da Lei de Dependencia e se subliñan os esforzos económicos entre lembranzas á consabida herdanza recibida do bipartito e do Goberno de Zapatero, os datos amosan que, como noutros ámbitos, as cifras desmenten os argumentarios oficiais segundo os cales Galicia está "por riba da media" nesta prestación social, fundamental para a vida de moitas persoas.


O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) vén de participar no Observatorio Estatal para a Dependencia. A presidenta do COTSG, Marta Capeáns, regresa dese encontro con datos que, ao seu xuízo, acreditan que o sistema de atención á dependencia está "colapsado". Mentres cae o número total de beneficiarias e beneficiarios da lei, cun total de 56.835 a finais de 2013 que supoñen unha rebaixa de case o 7% a respecto do ano anterior, no país dase a "insoportable cifra de 18.106 persoas que, séndolles recoñecida a prestación, aínda non teñen asignados recursos".


No que atinxe a esa lista de espera, a coñecida como "limbo da dependencia", Galicia está "moi por riba da media estatal", sinala Capeáns. Pero nun sentido negativo. Así, a finais do pasado ano o 31,86% das persoas en situación de dependencia que xa tiñan recoñecida unha axuda seguían agardando a que esta se fixese efectiva. Só súas autonomías, Murcia e Canarias, presentan un resultado peor que o galego e só tres máis, Balears, Valencia e Aragón, están por riba da media estatal, situada no 20,2%.


Galicia é, polo tanto, un dos principais lastres no que atinxe á aplicación efectiva da lei que se proclama dende a Xunta e está tamén no furgón de cola no referido ao gasto público en dependencia por habitante e ano. O Observatorio calcula que, unha vez descontados os copagamentos, en territorio galego se destinan 91,92 euros por habitante á aplicación da lei, unha cantidade que está por baixo dos 109,25 euros da media estatal e aínda máis lonxe das autonomías líderes neste indicador : Cantabria (174,35), La Rioja (153,68) e Euskadi (149,44). Por baixo da Xunta só están os gobernos autonómicos de Aragón, Navarra, Murcia, Valencia, Balears e Canarias.


Neste contexto a presidenta do COTSG coida que xa non caben máis "brindes ao sol" por parte do presidente da Xunta, que debe "dar a cara polo sistema de atención á dependencia". Os datos de gasto público en dependencia e as longas esperas para acceder ás prestación levan o Colexio a reclamar que o Executivo galego reclame, por exemplo, que a dependencia estea sobre a mesa á hora de negociar o vindeiro modelo de financiamento autonómico, igual que o están a sanidade ou a educación. Os malos valores absolutos que acompañan a Galicia neste estudo, di, son "moito peores" en termos relativos, xa que Galicia c onta con moito envellecemento da poboación e espallamento territorial", advirte.

 

 

*Consulta aquí o XII Dictame do Observatorio Estatal da Dependencia.

*Exame sobre o territorio e aplicación da escala no XII Dictame do Observatorio Estatal da Dependencia.

 

*Información e gráficos extraídos de Praza Pública.

 

Categorías: Dependencia

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información