Día do Teatro: 'En Sarela non hai quen viva!'

27/03/2015

As persoas usuarias contan os ensaios da próxima obra no blog da asociación.

Levamos semanas contándovos o que gozan as persoas usuarias de Sarela coas novas actividades e as que herdan das Cancelas, así que semella que o titular desta entrada non ten moito sentido, non? Efectivamente, "En Sarela non hai quen viva" non responde a unha realidade senón ao título da obra de teatro que levan ensaiando no centro de día dende outubro.
 
É xa a terceira peza que preparan para mostrarlles as súas potencialidades aos familiares e amigos, e a todo aquel que o desexe. Cada xoves pola tarde, durante hora e media, métense nun novo papel para deixar abraiado ao público na estrea que terá lugar o 19 de xuño, na sala Mozart do Auditorio de Galicia. Ninguén quere faltar aos ensaios, para poder transportarnos á perfección a un piso de estudantes de Compostela onde calquera cousa pode pasar...
 
Ensaio do obradoiro de teatro de Sarela
 
"En Sarela non hai quen viva" conta as aventuras de tres mozos que veñen estudar á Universidade de Santiago e que, malia as advertencias das súas familias e dos donos do piso onde comezan a vivir de alugueiro, fan de todo menos estudar. As festas no inmoble son continuas e os veciños non semellan dispostos a aguantar. A iso hai que sumarlle fenómenos estraños que comezarán a sentirse nas paredes ou na porta do piso, e aos que os rapaces terán que facer fronte.
 
No apartado máis sobrenatural da obra será clave o papel dos profesionais de Sarela: eles representarán parte deses espíritus que asustan aos estudantes. Deste xeito, poderán estar tamén moi pendentes do que fan cada unha das persoas usuarias, para apuntarlles se nalgún momento perden o fío do texto. Tamén os voluntarios participarán na estrea de "En Sarela non hai quen viva", pero xa no peche da obra.
 
Os actores de Sarela contan os días para que chegue o día grande. Saben que do que vaian aprendendo cada semana ha depender que saia todo perfecto. Pola experiencia dos dous anos pasados, na pre-estrea que adoitan protagonizar na residencia de San Lázaro SARquavitae, os nervios están moi presentes. Pero na xornada clave a maioría din "crecerse" cos seus familiares entre as butacas, e saen sempre satisfeitos do que demostraron enriba do escenario. Foi o que aconteceu en 2013, cando en "Sarela Televisión" parodiaron distintos programas e series, e tamén o ano pasado, cando tocou escenificar a ruta xacobea con "Sarela en camiño"...
 
Na pasada edición, tiveron a sorte de coñecer a dous dos actores galegos máis populares, Rubén Riós e María Mera, que fixeron de mestres de ceremonias. Por boca deles aprenderon que os profesionais tamén teñen nervios e se equivocan en moitas ocasións, pero que nunca tiran a toalla, porque o importante é tirar para adiante e transmitirlle sensacións ao público.
 
As persoas usuarias de Sarela tomaron boa nota e non hai máis que miralos cando falan da súa obra de teatro para saber que para eles é moito máis que unha representación puntual. Xa avanzan que durante os ensaios non se ve "nin a cuarta parte do que poden chegar a conseguir no escenario" do Auditorio de Galicia o día da estrea, o venres 19 de xuño. Recoñecen que os aplausos do público volverán ser a mellor recompensa por un labor que, tal e como un deles lle dixo a Rubén Riós hai case un ano, deixándoo emocionado: "fai que agora SI me sinta alguén".
 
Fotografías e texto extraídos do blog de Sarela.
 
Categorías: Sarela , Teatro
Tags: Teatro

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información