'En Sarela non hai quen viva!!' estréase o 19 de xuño

01/06/2015

As entradas para o espectáculo teatral están á venda na asociación.

O grupo de teatro de Sarela volve ao Auditorio de Galicia para a estrea da súa última creación o venres, 19 de xuño. As entradas para a representación de 'En Sarela non hai quen viva!!', que conta coa colaboración do actor Rubén Riós, xa están á venda na Asociación de Dano Cerebral de Compostela.
 
Unha trama de misterio mestúrase co retrato da convivencia nunha vivenda compostelá típica: o piso de estudantes. O contrato de aluguer, unha festa, un biscoito e a policía mestúranse na obra cunha presenza estraña que os protagonistas tratarán de identificar. Un texto dramático coral, no que participan as persoas usuarias do centro de día, profesionais, voluntariado, e tamén familiares.
 
'En Sarela non hai quen viva!!' conta tamén coa colaboración do actor Rubén Riós, que xa colaborou o ano pasado co grupo de teatro da asociación. Riós vai ser o encargado de presentar a obra e de amenizar os descansos e cambios de decorado.
 
As entradas están á venda en Sarela a 6 euros. A función será o venres 19 de xuño ás 19:30 na Sala Mozart do Auditorio de Galicia (Avenida do Burgo das Nacións, s/n). Para as persoas que queiran colaborar pero non poidan asistir está dispoñíbel unha fila 0 no número de conta ES80 2080 5355 60 3040034346.
 
Dúas preestreas
 
Un grupo de persoas da residencia da Fundación José Otero - Carmela Martínez foron as primeiras espectadoras de 'En Sarela non hai quen viva!!' nunha preestrea realizada na asociación o pasado 27 de maio. 
 
Ademais, está previsto que outro grupo, desta vez da residencia Sarquavitae de San Lázaro, presencie unha nova preestrea que servirá de ensaio xeral ao grupo o vindeiro 10 de xuño.
 
    Cartel 'En Sarela non hai quen viva!!' Entrada 'En Sarela non hai quen viva!!' Ensaio 'En Sarela non hai quen viva!!'
Categorías: Sarela , Teatro
Tags: Teatro

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información