• banner web aniversario2

Noticias

Sarela agradece ao Colexio de Avogados de Santiago a concesión do XI Premio Dereitos Humanos

Sarela agradece ao Colexio de Avogados de Santiago a concesión do XI Premio Dereitos Humanos

Foto: Paco Rodríguez (La Voz de Galicia)

O venres 28 de febreiro, o presidente de Sarela, José Balboa, recolleu o XI Premio Dereitos Humanos concedido polo Colexio de Avogados de Santiago que recoñece o traballo da entidade a favor dos dereitos das persoas con dano cerebral e súas familias. No acto de entrega, celebrado no salón nobre de Fonseca con motivo da súa festividade anual no día de San Raimundo de Peñafort, José Balboa agradeceu a concesión do premio en nome de toda a base social de Sarela.

 

O presidente de Sarela destacou que o premio chega “cando estamos a celebrar o noso 20 aniversario. Facémolo coa mesma humildade coa que levamos traballando todo este tempo para apoiar ás persoas e familias que teñen que facer fronte a un dano cerebral que chega sen avisar.”

Balboa lembrou que os primeiros anos de vida da asociación “non foron sinxelos pero hoxe estamos orgullosos do conseguido. Desde as primeiras reunións nunha cafetería ata conseguir un centro como o que temos no Castiñeiriño pasaron moitas cousas. Unhas mudaron para mellor e outras non tanto, e esa é a nosa motivación para seguir”.

Este premio é para todas as persoas que nestes 20 anos fixeron, e fan, un labor social que só busca construír un punto de apoio para as familias e chegar alí onde non chegan as políticas públicas. En definitiva, defender os dereitos das persoas e familias con dano cerebral.

Premio Dereitos Humanos

 

Nos últimos anos o Colexio de Avogados concedeu este Premio Dereitos Humanos, entre outras, a entidades como a Residencia San Marcos, Aspas, Cáritas, Fundación Andrea ou Down Compostela. Recoñécese así o traballo realizado no seu ámbito social e no caso de Sarela coincide coa celebración do seu 20 aniversario. Neste tempo, Sarela tense convertido na referencia na área sanitaria de Santiago na defensa dos dereitos e atención das persoas con dano cerebral adquirido e súas familias.

 

Medallas de ouro

 

Nese mesmo acto o Colexio de Avogados de Santiago tamén entregará as medallas de ouro da entidade, na categoría de avogados, a César Rúa Martínez e José Carlos García Cumplido, que deixaron o mes pasado a xunta de goberno do colexio despois de moitos anos de dedicación.

 

Leonor Castro Calvo (a título póstumo), ex maxistrada da Sección 6ª da Audiencia Provincial da Coruña, e Xurxo Melchor Carrera, xornalista, son este ano as medallas de Ouro na categoría de Non Avogados. Tamén haberá unha entrega de diplomas aos letrados e letradas que cumpren 25 anos de exercicio profesional e unha xura ou promesa de novos letrados e letradas.

 

Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.