• servizos sarela 795x180

Noticias

“Moitas persoas con disfaxia están mal alimentadas porque falta información sobre a forma axeitada de tomar algúns alimentos e descoñecer alternativas de preparación e presentación que estimulen as gañas de comer”

“Moitas persoas con disfaxia están mal alimentadas porque falta información sobre a forma axeitada de tomar algúns alimentos e descoñecer alternativas de preparación e presentación que estimulen as gañas de comer”

María Maceira é estudante do último curso do Grao de Nutrición e Dietética da USC.

María Maceira está a realizar en Sarela as prácticas correspondentes ao último ano do Grao de Nutrición e Dietética da Universidade de Santiago. No tempo que leva no centro de día ten tirado conclusións interesantes sobre a correcta alimentación das persoas usuarias e nas vindeiras semanas dará, xunto coa logopeda Ruth González, charlas no noso centro sobre nutrición e alimentación nas persoas con disfaxia.

 

Cando falamos de alimentación saudable, cambia algo cando traballamos con persoas con discapacidade?

 

Non. Os criterios do que é unha alimentación saudable son os mesmos para todas as persoas. Os alimentos deben ser variados e nunhas cantidades e proporcións similares para todas as persoas e que variarán en función da túa actividade física, se tes problemas de tensión, co azucre etc. Unha recomendación xeral á hora de xantar por exemplo é que medio prato sexa de verduras, legumes etc; un cuarto de hidratos de carbono (patacas, pasta...) e o outro cuarto de proteínas. E evidentemente fuxir dos azucres, das graxas etc.

 

Neste tempo de traballo no centro de día de Sarela, que conclusións sacas sobre a alimentación das persoas usuarias?

 

Hai factores asociados a grandes discapacidades, como pode ser a falta de actividade física, que deben ser tidos en conta á hora de calcular a cantidade de alimento. No caso concreto do dano cerebral adquirido, unha secuela é que algunhas persoas teñen un apetito e unha voracidade moi grandes polo que os/as coidadores/as teñen que saber cales son os porcións axeitadas que precisa esa persoa. Como norma para todo o mundo, os vexetais (grazas á fibra que aportan) teñen un efecto saciante e fanque non comamos un exceso de hidratos e proteínas, un problema hoxe moi importante.

 

E no caso concreto das persoas con disfaxia?

 

As persoas que teñen problemas para deglutir (tragar) enfróntanse a varios factores que repercuten negativamente na súa correcta alimentación. Por un lado, e isto é fundamental, a falta de información e formación que ten esa persoa e as familias. Ás veces atopámonos a persoas ás que lles din que certos alimentos son perigosos (por exemplo o arroz, os garavanzos...) e automaticamente retíranos da dieta. O que se di é que son perigosos na súa forma natural porque a persoa pode atragoarse. Aí entra a formación para aprender a forma de adaptar a preparación deses alimentos. Debido a estes problemas, e por poñer algún exemplo, os menús para persoas con disfaxia abusan de patacas, porque é moi sinxelo facer un puré con elas, e renuncian a vexetais, legumes etc cando son fundamentais.

 

E que outras cousas se están a facer mal coas persoas con disfaxia?

 

Relacionado co anterior, ás persoas con disfaxia trátanas desde o punto de vista da alimentación coma bebés. Collen todos os alimentos dun prato e van directamente á trituradora. Como nutricionista, eu desaconsello iso incluso cos nenos pequenos porque así non se acostuman aos sabores dos alimentos e máis cando falamos de persoas adultas. Moitas persoas con disfaxia están mal nutridas pola monotonía e o aburrimento que supoñen esas cremas e fan que perdan o apetito e a motivación para comer. Iso pásanos a todas. Imaxina comer sempre o mesmo e non estar integrado, por exemplo, en algo fundamental como é unha comida de familias ou amigos.

 

E cal é a solución?

 

Traballar máis a preparación deses pratos. Sabemos que ás veces é complicado pero hai que buscar novas presentacións e texturas. Por exemplo, se hoxe hai cocido, en vez de triturar todo, podes adaptar a pataca, a verdura, a carne, o chourizo etc e que a persoa goce de cada sabor por separado. Iso é unha alimentación de calidade que estimula que comas.

 

Hai algún factor a maiores a ter en conta?

 

Ás veces detectamos que non se ten en conta a medicación. As persoas con DCA, ou con outras discapacidades ou enfermidades, están polimedicadas e non teñen pautas á hora de tomar eses medicamentos. Certos alimentos poden potenciar o inhibir esa medicación. Por exemplo, os inhibidores MAO interaccionan coa tiramina e por iso recomendamos que a proteína se tome de noite.

 

Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.