• servizos sarela 795x180

Noticias

“Ademais da persoa con disfaxia, a familia é unha parte moi afectada porque asumen un rol para o que non están preparadas e ninguén as forma”

“Ademais da persoa con disfaxia, a familia é unha parte moi afectada porque asumen un rol para o que non están preparadas e ninguén as forma”

Ruth González nunha sesión de tratamento de disfaxia no centro de día de Sarela.

Ruth González é logopeda en Sarela e os días 25 e 27 dará no noso centro un obradoiro para concenciar da problemática que é a disfaxia e dar a coñecer que é algo que afecta ou pode afectar a calquera persoa e demostrar como unha persoa con disfaxia pode alimentarse desfrutando da comida como fai calquera persoa que non a padece.

 

Nunha frase, que é a disfaxia?

É a dificultade que ten unha persoa para tragar e que, moi resumidamente, pode ser a nivel de eficacia, cando por exemplo comes algo e por imposibilidade de pechar a boca cae a comida, ou de seguridade, cando ao beber ese líquido vai ao pulmón.

 

Que función fai a logopedia no tratamento da disfaxia?

O primeiro é facer unha valoración xunto con outros especialistas como pode ser o otorrinolaringólogo ou foniatra e despois participamos na rehabilitación desa persoa. A disfaxia non é rehabilitable ao cen por cento pero si que se pode gañar moita calidade de vida se é atendida.

 

Hai xente mal ou non diagnosticada?

Si, sobre todo persoas maiores ás que polo feito de ser maiores damos por normal que perdan facultades. O índice de persoas que teñen complicacións ou morren por unha pneumonía derivada dunha disfaxia, que fai que entre líquido nos pulmóns, é moi alto. Iso poderíase evitar cunha atención moi básica. Só é un extremo pero despois hai persoas que coa rehabilitación adecuada e con formación gañaría moito en calidade de vida.

 

Como?

Ímolo ver no obradoiro. Non todo ten que ser un puré co mesmo sabor, mesma cor e mesmo olor. Veremos que podemos xogar con diferentes texturas, cores e presentacións para dar normalidade ao momento de comer e non collerlle manía a ese momento. Temos que ser conscientes de que unha persoa con disfaxia pode que non se rehabilite e daquela estará toda a vida comendo purés. Hai alternativas a esa idea de meter todo na trituradora e listo.

 

Que imos ver no taller que daredes os días 25 e 29 de marzo?

Faremos unha pequena explicación do que é a disfaxia, por que se produce, os tipos, os profesionais que interveñen etc. Tamén daremos unhas nocións a nivel nutricional e sobre todo moitas ideas para que esa alimentación sexa agradable e que participen todos os sentidos á hora de comer.

 

Calquera poderá facer isto na súa casa?

Si pero a xente ten que ter claro que debe haber unhas pautas específicas dos profesionais en funcións do diagnóstico. Dentro da disfaxia hai problemas de eficacia e de seguridade. As persoas que non temos problemas non lle damos importancia ás diferentes texturas que atopamos na comida. Mesturamos alimentos duros, brandos, que se desprenden, que se pegan etc. As persoas con disfaxia, debido aos problemas que teñen a nivel motor ou cerebral, precisan compensalo dalgunha maneira. Por iso buscamos a compensación nas texturas. Unha delas é, por exemplo, o puré, que é fácil tragalo, non require moita atención ou movemento... Despois temos o que é a dieta esmagada, que xa necesita máis traballo sen chegar a mastigar. Tamén está a dieta branda que necesita mastigar un pouco e por último a dieta normal. Despois cada persoa é única. Pode haber xente que tome unha dieta normal pero precise, por seguridade, a adaptación de certos alimentos como poden ser as legumes, o arroz etc.

 

Cales son os erros principais que atopades á hora de alimentar e hidratar ás persoas con disfaxia?

Moitas veces a estas persoas dáselle espesantes pero non se lles prepara nin se lles dan pautas de uso como cantidade, textura a alcanzar etc. Outras veces indícaselles como alternativa aos líquidos tomar xelatina e ese é un erro moi grande porque a xelatina coa calor da boca vólvese líquida e non solucionaches nada. As familias non teñen que entender disto, pero ao final son os máis afectados ao asumir un rol para o que non están preparadas.

 

 

Categorías: Sarela , Familias

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.