Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
Fegadace e as cinco entidades membro celebran o 20 aniversario do movemento asociativo cun vídeo no que participan persoas con dano cerebral e un libro cos principais fitos vividos nestas dúas décadas. Amplía a información para descargar o libro e ver o vídeo.
A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) fundouse en 2007, pero desde o inicio do milenio existía xa tecido asociativo en Galicia. En concreto, as entidades da Coruña -ADACECO-, Vigo -Alento- e Compostela -Sarela- fundáronse ao longo do ano 2000, polo que o ano pasado estiveron de 20 aniversario. O que ía ser un ano de celebración remataron dez meses de pandemia, as actividades previstas tiveron que ser canceladas, ea Federación e as súas asociacións presentan agora o traballo realizado para conmemorar dúas décadas de vida do asociacionismo do dan cerebral.
Trátase dun libro que a través de fotografías, unha cronoloxía, e diferentes testemuños, amosa como as persoas e familias con dano cerebral pasaron de non ter onde acudir a dotarse de cinco asociacións, instalacións de atención e rehabilitación, un centro ocupacional, unha residencia, e un enorme abano de recursos complementarios que axudan a cumprir co principal obxectivo de FEGADACE: o reforzo da autonomía e a mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral.
Descarga aquí o libro ‘Eu non son o meu dano cerebral adquirido. 20 anos de movemento asociativo do dano cerebral adquirido en Galicia’
Páxina interior do libro
Pero ademais de amosar unha historia de implantación e crecemento, esta conmemoración dá voz ás persoas con dano cerebral, que tamén conseguiron facerse máis visibles que eran hai 20 anos. Aínda así, cada día enfróntanse a miles de barreiras que lles impón unha sociedade que non comprende a diversidade como debería.
Por iso neste vídeo un grupo de persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela afirman que son precisamente iso, persoas, e non o seu dano cerebral. Contan os seus soños, os seus medos, a súa traxectoria vital... que son, sinxelamente, iguais a calquera persoa sen discapacidade.
Fai click na imaxe para ver o vídeo 'Eu non son o meu dano cerebral'
Texto da noticia: FEGADACE