Exercicio físico, outro ingrediente na recuperación dun ictus

27/05/2014

'Calquera cousa é mellor que quedarse sentado no sillón', recomendan os especialistas.

A afectación física que pode provocar un ictus nos pacientes que o sofren adoita provocar que moitos deles se vexan abocados a unha vida sedentaria logo do seu accidente cerebrovascular. Con todo, o exercicio debe formar parte da súa recuperación posterior, non só polos seus beneficios físicos, senón tamén como antídoto contra a depresión.
 
Adecuando o exercicio físico ás posibilidades e condicións de cada paciente, un panel de expertos da Asociación Americana de Ictus acaba de recomendar nas páxinas da revista Stroke que este ingrediente forme parte do programa de rehabilitación e recuperación tras un accidente cerebrovascular.
 
Exercitar os músculos "con movementos repetitivos e que requiran un gasto enerxético" non só reducirá o risco de novos problemas cardio e cerebrovasculares, senón que tamén diminúe as probabilidades de caídas, reduce a fatiga, o risco de depresión, mellora a súa motivación e o seu estado de ánimo... A lista de beneficios que enumeran os especialistas encabezados por Sandra Billinger -da Universidade de Kansas- é ampla, e os propios especialistas en Neuroloxía animan aos seus colegas a incluír o exercicio aeróbico moderado entre as súas recomendacións despois dun ictus.
 
Non se trata dunha actividade física intensa, senón de adecuar ditas recomendacións ás posibilidades de cada paciente. E aínda que suxiren que o ideal serían entre 20 e 60 minutos tres veces á semana, para moitas persoas que sufriron un ictus con 10-15 minutos de actividade moderada-intensa varias veces ao longo do día pode ser suficiente. E por moderada-intensa propoñen, por exemplo, un paseo polo vecindario ou realizar algunha tarefa doméstica. "Calquera cousa é mellor que quedarse sentado no sillón", din claramente.
 
Manterse fisicamente activos pode reducir non só o seu risco dun novo ictus, senón mellorar a súa funcionalidade no día a día e a fortaleza das súas extremidades superiores (no caso das pernas, admiten, os beneficios non están tan claros).
 
"Hai unha gran lagoa unha vez que os pacientes reciben a alta e abandonan os programas de rehabilitación dos hospitais", recoñece o documento oficial, que tamén critica que poucos médicos fan recomendacións aos seus pacientes neste sentido. Entre outras cousas suxiren que se reduzan os días que os pacientes permanecen encamados inmediatamente despois do evento e que se alterne a cama co sillón canto antes.
 
En moitos casos, conclúen, o ictus é a primeira chamada de atención para o paciente. Incluír o exercicio físico na recuperación posterior pode servir para lograr unha mellora xeral de saúde e previr futuros accidentes vasculares. Iniciar a actividade canto antes e contar cun programa guiado por especialistas, que adecúe a actividade física a cada paciente, pode ser clave para que isto repercuta nunha mellor calidade de vida despois do ictus.
 
*Información e imaxe extraídas de El Mundo.
 
Categorías: Dano Cerebral Adqurido , Ictus
Tags: ictus

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información