FEGADACE solicita á Xunta a reactivación dos centros de día e ocupacionais

02/06/2020

Constatada a situación de emerxencia terapéutica e social nos fogares con persoas con dano cerebral, a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), xunto coas súas cinco asociacións membro (ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela) vén de remitir un escrito á Consellería de Política Social no que lle solicita á Xunta de Galicia que "reconsidere e rectifique" a medida anunciada o pasado venres pola que se retrasa a activación dos centros de día e ocupacionais ata o 1 de setembro de 2020.

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), xunto coas súas cinco asociacións membro (ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela) vén de remitir un escrito á Consellería de Política Social no que lle solicita á Xunta de Galicia que "reconsidere e rectifique" a medida anunciada o pasado venres pola que se retrasa a activación dos centros de día e ocupacionais ata o 1 de setembro de 2020.

 

O movemento asociativo do dano cerebral expresa esta necesidade perante a situación de "emerxencia terapéutica e social" na que se atopan as persoas e familias con dano cerebral adquirido despois de 80 días sen actividades terapéuticas de rehabilitación e inclusión. FEGADACE e as súas asociacións constatan un "deterioro global" nas dimensións física, psicolóxica e cognitiva das 1.100 persoas con dano cerebral ás que en conxunto atenden en toda Galicia.

 

Unha situación que compromete determinantemente a autonomía e calidade de vida das persoas con dano cerebral, pero que ten repercusións tamén nas familias, que desde a declaración do Estado de Alarma e a interrupción dos servizos de atención e rehabilitación o pasado 13 de marzo, encárganse de atender nos fogares ás persoas con dano cerebral, cun custe físico e emocional altísimo.

 

Retorno seguro á actividade

 

FEGADACE e as súas asociacións levan semanas traballando nun Plan de Continxencia e en Protocolos de Actuación Específicos para a volta segura aos centros, así como aprovisionándose de EPIs e outros materiais de protección e hixiene.

 

As familias e persoas con dano cerebral representadas por FEGADACE reclaman, pois, a reapertura dos centros e, de non ser posible, que se faciliten mecanismos para que as persoas con dano cerebral e as súas familias poidan recibir os servizos e tratamentos terapéuticos necesarios de maneira ambulatoria e/ou nos seus domicilios.

 

O documento remitido á Consellería de Política Social recolle unha serie de propostas para facilitar a definición de protocolos e criterios para ese retorno.
 
 
Categorías: Sarela , FEGADACE
Tags: COVID-19

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información