FEGADACE solicita doazóns para unha campaña de prevención

25/06/2015

A Federación Galega de Dano Cerebral precisa 2.000 euros para informar á cidadanía sobre o ictus.

"Apoia a prevención do ictus" é o chamamento de FEGADACE solicitando microapoios económicos para financiar unha campaña de sensibilización sobre o que é a principal causa do dano cerebral. Desde hoxe, 22 de xuño, e ata o luns 20 de xullo, a Federación Galega de Dano Cerebral vai estar solicitando a colaboración económica de toda a cidadanía para poder afrontar os gastos dunha campaña de prevención do ictus centrada en informar sobre os seus síntomas de alarma.
 
O ictus é a principal causa do dano cerebral adquirido (DCA), no 78% dos casos. É a segunda causa de morte, e a primeira en mulleres. Tamén provoca a maioría de discapacidades adquiridas. Cando se produce un ictus, é fundamental actuar rápido. Cómpre coñecer ben os seus síntomas de alerta para recoñecelos e acudir inmediatamente ao hospital. Administrar o tratamento nas primeiras catro horas é vital para reducir as posteriores secuelas.
 
O movemento asociativo do dano cerebral, así como as institucións sanitarias, teñen detectado un profundo descoñecemento deses síntomas de alerta do ictus. Dado que a instancia pública aínda non comezou a traballar nesta liña, FEGADACE decidiu solicitar a colaboración cidadá para realizar unha campaña de sensibilización que achegue a amplos sectores sociais os síntomas de alarma do ictus e que informe sobre as pautas a adoptar no caso de que se produza.
 
A campaña vai estar microfinanciada por aportacións dun mínimo de 10 euros e sen cota máxima. O obxectivo é que moitas persoas fagan pequenas achegas para, entre todas, acadar os 2.000 euros necesarios para deseñar, producir e difundir a campaña de prevención do ictus. FEGADACE dáse de prazo un mes -do 22 de xuño ao 20 de xullo para acadar esa cantidade-. Ao longo das vindeiras semanas irase informando da marcha das doazóns e do diñeiro recadado.
 
A base social de FEGADACE é ben consciente da necesidade de informar sobre o ictus. Cunha pequena aportación, calquera pode facer posíbel a campaña informativa da Federación. Unha pequena cantidade non suma, senón que multiplica os apoios. Dona, difunde, frea o ictus.
 
*Información e imaxe extraídas da páxina web de FEGADACE.
 
Categorías: FEGADACE , Prevención , Ictus

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información