Comeza o Open Solidario con Sarela do Squash Santiago

12/06/2014

Hai máis de 150 persoas inscritas en once categorías.

Esta tarde comezan a xogarse os partidos do Open Solidario con Sarela que organiza o Squash Santiago. O torneo vaise desenvolver ata o día 23 de xuño nas instalacións do Milladoiro (Ames) e no Club de Tenis que o Squash ten no veciño concello de Teo.
 
O Open Solidario acadou máis de 150 inscricións que disputarán o torneo en diferentes disciplinas e categorías: squash, en categoría masculina, feminina e sub 12; racquetball; tenis en categoría absoluta e infantil; pádel masculino, feminino e mixto; tenis praia e volei praia. O horario dos partidos e eliminatorias, así como os resultados, pódense consultar na páxina web do Squash Santiago.
 
O importe íntegro recadado a través das inscricións (a 5 euros para persoas socias do Squash Santiago e a 10 para as non socias) vaise destinar á Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela. Ademais, Squash Santiago pon a disposición de quen non poida xogar e queira facer un aporte económico unha Fila 0.
 
As finais do Open Solidario vanse disputar o luns, 23 de xuño. Á tardiña, está prevista a entrega de premios para todos os campións e subcampións, nun acto festivo que rematará cunha sardiñada pola noite de San Xoán.
 
Sarela agradece enormemente a organización do torneo, especialmente porque entre as súas prioridades está a prevención do dano cerebral adquirido a través dos hábitos de vida saudábeis, que pasan pola práctica de exercicio físico como o que promove o Squash Santiago.
 
    Cartel Open Solidario [prazo ampliado]
Categorías: Sarela

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información