Hoxe, 3 de decembro, conmemoramos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, instaurado pola Organización das Nacións Unidas.
É un día para celebrar, para saír á rúa, para reivindicar, pero sobre todo para dar voz aos desexos e ás demandas de miles de persoas que en todo o mundo compartimos un mesmo fin: queremos unha vida digna e plena, como a de calquera outro cidadán.
En España somos case 4 millóns de persoas con discapacidade e en Galicia, máis do 8% da poboación. Somos a minoría máis ampla do mundo, pero aínda cada ano saímos a reivindicar cuestións tan básicas, e á vez, tan complicadas de alcanzar como a accesibilidade plena dos espazos públicos e privados, unha inclusión educativa real ou a garantía de poder acceder a un emprego en condicións de igualdade.
Por iso segue sendo tan importante que nos reunamos un ano máis aquí, porque sabemos que compartimos os mesmos desexos, teñamos ou non unha discapacidade.
O camiño que temos que percorrer é moi longo e moitas veces atopámolo cheo de pedras. Pero non nos imos a render, porque ninguén mellor que nós mesmos sabe o esforzo que hai que poñer cada día para conseguir ata as cousas máis simples.
Queremos que todas as persoas sexan partes activas da sociedade, poder participar e tomar as nosas decisións, empoderarnos.
Queremos sentirnos acompañados, queridos, comprendidos.
Queremos gozar, divertirnos, amar.
Dispoñer dos apoios se os necesitamos e ter escolas onde os nenos e nenas teñan as mesmas oportunidades e onde o seu verdadeiro valor se mida en respecto e empatía e non nun currículo.
En definitiva, queremos ter unha vida. A nosa vida.
E para iso sabemos tamén que contamos con todos vós. Catro anos despois da nosa primeira “paraugada” de cores conseguimos algo histórico: que toda Galicia se una “Baixo o mesmo paraugas”, e preto de 80 entidades sociais esteamos hoxe a esta mesma hora pedindo que se respecten os dereitos das persoas con discapacidade.
Os paraugas de cores son o noso sinal de identidade.
Sabemos que unha sociedade que loita unida pode lograr cambios para alcanzar un mundo diverso e plural, e queremos que toda a cidadanía, as administracións públicas e privadas, os movementos sociais… estean ao noso lado para facelo posible.
Porque temos capacidades e moito que achegar!
Moitas grazas!!!