Subscríbete ao noso boletín
Recibe novas no teu email
A continuación reproducimos o manifesto reinvindicativo que, con motivo da celebración hoxe da Día Internacional da Muller, fai público a Fundación Cermi Mulleres, unha organización creada polo Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) para a defensa e acción do pleno goce de todos os dereitos humanos e liberdades fundamentais das mulleres e nenas con discapacidade. Na fotografía da noticia, mulleres usuarias e profesionais de Sarela súmanse ao lema “Eu decido”.
8 de marzo de 2023
Día Internacional da Muller | Manisfesto da Fundación Cermi Mulleres
Hoxe 8 de marzo, Día Internacional da Muller, as mulleres e nenas con discapacidade conmemoramos esta data trasladando á opinión pública a nosa preocupación polo sistemático incumprimento dos dereitos das mulleres en todo o mundo e, moi especialmente, pola exclusión na que vivimos das mulleres con discapacidade e os obstáculos existentes para poder tomar decisións sobre cuestións que afectan as nosas vidas.
A participación e o liderado das mulleres é, ante todo, un dereito humano básico que debe ser garantido co fin de asegurar o exercicio do resto dos dereitos humanos e liberdades fundamentais sen excepción: educación, emprego, saúde, dereitos sexuais e reprodutivos, vida na comunidade, relacións familiares, participación política, empoderamento económico, acceso á xustiza, incluíndo o dereito que teñen as nenas con discapacidade a ser escoitadas e a expresar a súa opinión sobre os asuntos que lles incumben.
Tanto a Convención sobre a Eliminación de todas as Formas de Discriminación contra a Muller como o Obxectivo N.º 5 da Axenda 2023, centrado en alcanzar a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e as nenas, recoñecen que as mulleres teñen dereito a participar nas mesmas condicións que os homes en todos os niveis e en todos os aspectos da vida pública e a toma de decisións.
Sen embargo, a participación das mulleres está en moitas ocasións circunscrita a áreas claramente feminizadas e, no noso caso, ademais a ámbitos vinculados á discapacidade, sen que se nos recoñeza a nosa axencia como mulleres. Isto supón que os compromisos de promover a igualdade entre mulleres e homes nas estruturas formais de representación e na toma de decisións non chegan a cumprirse, xa que por regra xeral as mulleres continuamos estando subrepresentadas. Esta situación é máis preocupante cando falamos da participación na toma de decisións das mulleres con discapacidade, debido á multitude de barreiras e obstáculos que temos que vencer.
En moitos países do mundo seguen vixentes leis cuxo obxectivo último é desposuírnos da nosa capacidade para exercer os nosos dereitos e poder tomar decisións sobre nosas propias vidas. Non debemos esquecer que ata datas ben recentes considerábase que estas restricións, articuladas ao redor da incapacitación xudicial eran 'medidas que nos protexían' sen ter conciencia da flagrante violación de dereitos humanos que a súa aplicación en realidade implicaba. Pensemos nas miles de mulleres que foron incapacitadas como requisito previo para ser esterilizadas sen o seu consentimento. Isto é só unha pequena mostra do que pasou no noso país e que lastrou a vida de tantas e tantas mulleres con discapacidade.
Neste contexto especialmente preocupante é a situación das mulleres e nenas con discapacidade psicosocial, intelectual, sordocegueira ou outras dificultades para a comunicación e aquelas que están aínda institucionalizadas ou incapacitadas legalmente.
Pero... que supuxeron estes mecanismos de substitución da vontade na práctica? Pois que se ignoren as nosas opinións e se substitúan por decisións adoptadas por outras persoas, incluídas aquelas que exercen de representantes legais, provedores de servizos, titores, titoras e membros da familia.
A denegación histórica e sistemática do dereito para tomar as nosas propias decisións é un reflexo dos estereotipos discriminatorios e nocivos que seguen vixentes contra nós e pon en evidencia a incapacidade da sociedade, e en moitos casos das familias, de comprender e respectar a nosa dignidade como mulleres e nenas, como persoas, en suma.
Recoñecernos como protagonistas únicas das nosas propias vidas esixe non soamente a posta en marcha de accións de formación, información e empoderamento sobre os nosos propios dereitos, senón tamén unha ardua tarefa de denuncia e de concienciación de toda a sociedade en xeral a fin de desaterrar paradigmas capacitistas e machistas contrarios aos dereitos humanos.
Por todo iso neste 8 de marzo as mulleres con discapacidade ESIXIMOS:
NADA SOBRE NÓS SEN NÓS!
Fundación CERMI Mulleres
Accede a: