• servizos sarela 795x180

Noticias

«Non son capaz de dicirlle á miña filla con Down que non pode ir votar»

«Non son capaz de dicirlle á miña filla con Down que non pode ir votar»

Foto de Marcos Creo, La Voz de Galicia

Mara é unha moza de 20 anos para a que os seus pais solicitaron unha incapacitación parcial, pero respectándolle os seus dereitos personalísimos, entre os que se atopa a posibilidade de votar. O 2 de setembro de 2014, o xulgado de Primeira Instancia número 6 de Santiago ditou sentenza na que, entre outros aspectos, priva a Mara do dereito ao sufraxio activo.

 

A familia recorreu á Audiencia Provincial da Coruña, que o 11 de marzo de 2015 ratificaba esta sentenza, do mesmo xeito que fixo a Sala do Civil do Tribunal Supremo en sentenza número 18/2016 do 17 de marzo pasado. O fallo do Tribunal Supremo produciuse en contra do criterio da Fiscalía quen solicitou, de acordo co que establece a Convención da ONU, que se facilitase a Mara os apoios necesarios e se lle permitise votar. Agora o Tribunal Constitucional non admitiu o recurso presentado pola Fiscalía para valorar unha situación que afecta a case cen mil persoas en España.

 

Nesta entrevista publicada en La Voz de Galicia, Mar Caamaño, vogal da xunta directiva de Sarela, fala sobre a perda do dereito a voto da súa filla Mara logo da solicitude de incapacitación parcial. Os tribunais non atenderon o desexo da familia de respectar os seus dereitos personalísimos como son o do voto.

 

«Eu xa non sei como definilo», di Mar Caamaño. Pero utiliza varias veces a palabra despropósito. Despropósito parécelle a decisión do Tribunal Constitucional de non admitir un recurso sobre o caso da súa filla, Mara, á que cando se incapacitou parcialmente tamén se lle retirou o dereito ao voto porque a forense considerou «que non entendía o sistema político español». Despropósito parécelle tamén que unha das maxistradas emita un voto particular defendendo a necesidade de que o Constitucional se pronuncie sobre o asunto e preguntándose que ocorrería si todo o corpo electoral se sometese ao mesmo exame de coñecementos que fixo Mara: «Probablemente, baixo ese mesmo criterio, serían moitas as persoas con dereito a voto non discapacitadas que non poderían votar», di a maxistrada Adela Asúa.

 

Despropósito e incoherencia -o outro termo que utiliza Mar Caamaño para cualificar a decisión do Constitucional- que chega ata o extremo de que Mara podería presentarse a unhas eleccións, pero non votar. «Non se pronunciaron sobre ese dereito», aclara a súa avogada, Lourdes González. Así que podería concorrer a uns comicios «pero non votar por ela nin por ninguén».

 

«Nós imos ir a Estrasburgo eh?», avisa Mar Caamaño. Porque non chegaron ata aquí para renderse. Fano por Mara, que ten síndrome de Down, «por quen loitamos», pero tamén polas cen mil persoas ás que en España se lles retirou o dereito ao voto pola mesma circunstancia. «Esas persoas tamén teñen que saír á luz». Corrobórao a súa avogada, que explica que a do tribunal europeo é a única vía vinculante que lles queda para que esta moza recobre un dereito, o de votar, que exerceu con normalidade ata as últimas autonómicas, celebradas o 25 de setembro. «Eu non son capaz de dicirlle nas próximas eleccións: non podes ir votar porque che retiraron do censo electoral», explica a súa nai, que di que con esta decisión «pasa a ser unha cidadá de segunda categoría» e retíraselle un dereito «que aos nosos pais e aos nosos avós lles custou tanto».


A familia de Mara non o entende. Mara tampouco, que só pregunta por que xa non pode votar. E tampouco o entenden as asociacións de persoas con discapacidade, que cualifican de «inconcibible» a decisión que se tomou con esta nova. «É unha sorpresa que a estas alturas de século sigan pasando cousas como esta», di o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto. Perplexo tamén se quedou o vicesecretario popular Javier Maroto, que afirmou que o Constitucional en ocasións «sae por peteneras» e que non está de acordo cunha situación que permite a alguén presentarse pero non votar.


«Baixo ese criterio serían moitas as persoas non discapacitadas que non poderían votar»


A decisión do Constitucional de non admitir un recurso de amparo presentado polo fiscal para que emitise doutrina sobre o dereito das persoas con discapacidade a exercer o voto vai acompañado dun voto particular emitido pola maxistrada Adela Asúa, que si cre que o alto tribunal debería tomar unha decisión sobre unha cuestión que considera «vai máis aló do caso concreto, por afectar a un importante colectivo en situación de especial vulnerabilidade por razón da súa discapacidade, que se ve privado da posibilidade de exercer un dereito fundamental tan básico». Ese colectivo, segundo datos aportados polo fiscal, que cita á Xunta Electoral, componse de case cen mil persoas. Ese dato tamén o cita Asúa no seu voto particular, no que pon sobre a mesa a posible discriminación de retirar o dereito ao voto a unha persoa logo de sometela a unha proba de coñecemento sobre o sistema político e electoral: «Que pasaría si se sometese a todo o corpo electoral a ese exame de coñecemento sobre o noso sistema político e electoral? Probablemente, baixo ese mesmo criterio, serían moitas as persoas con dereito a voto non discapacitadas que non poderían votar», vaticina a maxistrada.

 

 

 

Categorías: Discapacidade
Tags: dereitos

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propios e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, asi como para mostrarlle no noso website, ou nos de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.
Pode obter mais información na nosa Política de Cookies.